O BNG presenta unha moción solicitando melloras na atención primaria en Marín

Concentración Sanidade

Lucía Santos pide a María Ramallo “que deixe de negar a evidencia, que non minta á veciñanza con promesas falsas, que se poña do lado dos veciños e veciñas de Marín, e reclame dunha vez por todas á Xunta de Galiza recursos para asegurar a prestación dun servizo tan fundamental como é o da atención primaria.”

O BNG presenta unha moción solicitando melloras na atención primaria en Marín

O BNG presentou a pasada semana unha moción, para ser tratada no Pleno da Corporación municipal, solicitando melloras na atención primaria en Marín e en defensa dunha sanidade pública de calidade.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, afirma que “a atención sanitaria en Galiza ven sofrindo un proceso de deterioro como consecuencia da política de recortes do PP, atopándose na actualidade nunha situación crítica. Os centros de saúde de Marín e Seixo non son unha excepción, e a consecuencia é unha atención sanitaria indigna e inaceptábel.”

Lucía Santos manifesta que “a situación de deterioro na atención primaria leva sendo reiteradamente denunciada polo BNG de Marín durante os últimos anos, con diferentes accións como campañas de recollida de sinaturas, varias mocións, iniciativas parlamentarias e numerosas concentracións.”

Mais as propostas do BNG sempre foron rexeitadas polo goberno de María Ramallo, que segundo lembra a portavoz do BNG “sempre negou a grave situación da atención sanitaria de Marín.”

Neste verán, a situación da situación sanitaria en Marín agravouse considerabelmente. Xa no pasado mes de xullo Lucía Santos istou á alcaldesa de Marín, María Ramallo, a demandar da Consellaría de Sanidade a dotación de maior persoal médico, xa que se suprimiran as consultas médicas en horario de tarde por falta de persoal facultativo.

A isto hai que engadir que durante varios días o Punto de Atención Continuada (PAC) tivo que ser atendido por persoal médico de Bueu deixando ao concello veciño sen servizo de urxencias, e viceversa, deixando o PAC de Marín sen atención e tendo que asistir a Bueu en caso de urxencia médica.

Mais a situación na atención primaria empeorou de xeito alarmante no mes de setembro, xa que debido á falta de cobertura de persoal médico por baixas e xubilacións non se está a prestar a atención médica por falta de persoal facultativo.

Santos expón que “durante varios días tan só dous médicos dos catorce que conta o centro de saúde estiveron dispoñíbeis para a atención dunha poboación de máis de 24.000 habitantes. Obviamente, esta situación está causando unha longa lista de espera de até un mes para obter unha cita médica.”

É por todo isto que o BNG presenta novamente unha moción en defensa da atención sanitaria de Marín, na que solicita ao Pleno da Corporación “instar á Xunta e ao SERGAS a dotar dunha atención sanitaria digna ao concello de Marín, mediante a cobertura pemanente do persoal dos centros de saúde de Marín e Seixo e asegurar a súa substitución no caso de permisos, baixas e vacacións, ademais de incrementar o orzamento sanitario para garantir un servizo sanitario público de calidade.”

Ademais, o BNG solicita “trasladar á Consellería de Sanidade o malestar da Corporación Municipal diante da nefasta xestión do SERGAS, dependente da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza.”

Lucía Santos engade que “esta moción foi presentada o pasado xoves 29 de setembro, dous días antes de que o Conselleiro de Sanidade anunciara 2 novos médicos para o centro de saúde de Marín. Mais este anuncio é un engano, xa que estes médicos veñen cubrir o oco deixado por outros facultativos, polo que non se incrementa o persoal facultativo. Continuamos coa mesma precariedade.”

Lucía Santos pide a María Ramallo “que deixe de negar a evidencia, que non minta á veciñanza con promesas falsas, que se poña do lado dos veciños e veciñas de Marín, e reclame dunha vez por todas á Xunta de Galiza recursos para asegurar a prestación dun servizo tan fundamental como é o da atención primaria.”

O BNG presenta unha moción solicitando melloras na atención primaria en Marín