É a hora da humanización urbanística de Marín

2. Pedro Cortegoso Gago
Pedro Cortegoso Gago
Artigo de opinión de Pedro Cortegoso Gago, número 2 da candidatura do BNG de Marín nas vindeiras eleccións municipais de maio, en relación coa problemática da falta de aparcamentos na vila de Marín: "É a hora da humanización urbanística de Marín"
É a hora da humanización urbanística de Marín

Despois de oito anos gobernado o PP de Marín deuse conta que temos un gran problema de aparcamento e mobilidade no noso concello. Aparcar en Marín é unha aventura, máis desde o inicio das variadas obras pre-electorais que enchen as nosas rúas de atascos.

A carencia dun transporte público que enlace a vila coas parroquias e un deseño urbanístico propio do século XIX que non tivo en conta o incremento no uso do vehículo particular, está provocando esta situación incómoda ás persoas que se achegan a Marín e non atopan onde aparcar.

En determinados días da semana, xoves e sábados nos que aumentan estes desprazamentos, acceder en coche a Marín e tarefa imposíbel.

A falla de previsión do goberno municipal incrementou este problema. Non tiveron en conta as repercusións das obras na Av. de Ourense, a principal vía de entrada e paso do noso Concello.

Porén, non estamos só diante dun déficit de aparcamento, estamos ante un problema de deseño urbano. Temos un problema de ocupación do espazo polos vehículos debido a un deseño urbano que non se transformou, un espazo que deber ser das persoas e urxe humanizar. Axudaríamos deste xeito a diminuír a contaminación, e apostando polo transporte público acadaríamos unha maior eficiencia e aforro enerxético. Máis que un problema de aparcamento temos un problema de mobilidade.

O goberno do PP non foi previsor ante as consecuencias de facer obras de gran envergadura de xeito simultáneo e ante o cabreo xeral optou, coma sempre, por parchear mediante a creación de aparcamentos disuasorios (leira parkins). Unha solución a curto prazo, mais que non vai á raíz do problema.

Os aparcamentos disuasorios hai que planificalos e darlles continuidade, teñen que ter utilidade real. Precisamos un aparcamento desde fai moitos anos porén, a nosa alcaldesa non tivo tempo de tan sequera facer os estudos técnicos necesarios, fainos agora ás portas das eleccións.

É a hora do transporte público e da humanización urbana de Marín. Temos que sumarnos ao modelo que se impón en Europa.

Marín debe ser das persoas, non dos coches, as rúas deben redeseñarse para facilitar o tránsito peonil e para iso precisamos aparcar os coches onde non molesten e débense implementar políticas que diminúan o seu uso.

Hai que mellorar o deficiente transporte público en frecuencias, horarios e conexións. Non podemos estar esperando unha hora para ir en “trole” a Pontevedra. Non se entende que non exista un bus nocturno, cando menos os fins de semana e os festivos.

O rural, as parroquias, teñen que estar conectadas coa vila, algo que non acontece hoxe. Hai que mellorar os enlaces coas parroquias, ter un transporte e uns servizos públicos en condicións, axuda a asentar poboación no rural.

Marín debe estar conectado ao Morrazo, non pode ser que non teñamos posibilidade de ir a Moaña en transporte público cando hai un gran movemento de persoas deste concello que traballan no porto.

En definitiva, debemos trocar o modelo urbanístico, humanizar o entorno e alterar a ecuación coches-peóns poñendo por diante as persoas fronte aos vehículos privados.

As ideas están e é necesario desenvolvelas. Para iso precisamos aa implicación das distintas administracións que deben asumir que o modelo actual non funciona. Sumémonos á tendencia en Europa de mellorar a mobilidade promovendo o transporte público e limitando o uso do vehículo privado, recuperando para ás persoas o espazo público. A tendencia que Pontevedra exporta polo mundo adiante.

É a hora da humanización urbanística de Marín