O BNG acada a aprobación da moción para solicitar o abaratamento do prezo da luz

2020112016125115980

Lucía Santos afirma que a reforma aprobada polo Goberno do Estado “xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras”, e “de igual forma, outros sectores como é o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias”

O BNG acada a aprobación da moción para solicitar o abaratamento do prezo da luz

O BNG amosa a súa satisfacción pola aprobación, no pleno municipal celebrado o pasado xoves 8 de xullo, da moción presentada polo BNG solicitando a rebaixa na tarifa eléctrica e que saiu aprobada cos votos favorábeis do BNG e PP.

O pasado 9 de Marzo do 2021, o Consello de Ministros, a proposta do MITECO, aprobou o Real Decreto polo que establece a metodoloxía que, xunto coas peaxes do sistema fixadas pola “Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia” (CNMC) na circular 3/2020 conforman a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor ou consumidora.

Esta reforma, xa prevista para o ano 2020 e demorada pola pandemia, entrou en vigor o pasado 1 de xuño. A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que “esta norma xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, danos colaterais importantes que deberán levar á reconsideración desta norma, sobre todo tendo en conta que afecta a importantes sectores da poboación que xa están sufrindo as graves consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a COVID-19.”

Lucía Santos considera que “este é o caso do consumo doméstico e nomeadamente daquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.”

A Portavoz do BNG continúa afirmando que “de igual forma, outros sectores como é o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias, pois as súa actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía. Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade.”

O BNG considera que non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cuxo peso é relevante e cuxa necesaria revisión demándase tamén dende amplos sectores da sociedade, como son o importe do imposto especial da electricidade e o tipo de IVE que debe aplicarse, sendo a electricidade un ben de primeira necesidade e non un luxo.

É por todo isto que a moción do BNG aprobada no Pleno solicita:

1- Trasladar ao Goberno central o rexeitamento por parte do Concello de Marín da súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis, singularmente os cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021.

2- Instar ao Goberno do Estado a abrir un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica baixo as seguintes premisas:

a) Reducir os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, singularmente a eliminación do imposto especial da electricidade e a redución do tipo aplicado no imposto de valor engadido até o 4%.

b) Beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos.

c) Modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.

O BNG acada a aprobación da moción para solicitar o abaratamento do prezo da luz