ARTIGO DE OPINIÓN DE JESSICA SOUTO LOIRA, RESPONSÁBEL DA COMISIÓN DA MULLER DO BNG

Vacina para o virus do patriarcado

jessica
Vacina para o virus do patriarcado
Xa estamos a día 8 de Marzo do 2021, fai case un ano dende que nos confinaron pola crise sociosanitaria, un ano marcado pola COVID  na que tivemos que aprender a vivir cun virus hipercontaxioso e as súas consecuencias, e fomos pasando por diferentes fases:

1º Fase: O terror e a incerteza ao descoñecido, có medo metido no corpo.  

2º fase : O confinamento e a falta de liberdade

3º fase:  A falta de medidas para combater este virus.

Máis tarde chegou a tan desexada desescalada, onde nos foron dando pingas de liberdade aos poucos, dando pasiños para diante e voltando a retroceder, sen acordos conxuntos, sen medidas preventivas nin efectivas para paliar o virus e a crise….. pero pasado un breve período de tempo anuncian que xa existe unha vacina para rematar có becho. Que boa nova!

Tras varias reflexións e dándolle volta aos miolos cheguei á conclusión, de que estas fases as vivimos moitas veces nas nosas vidas, exactamente dende que nacemos polo simple feito de ser mulleres. Quen  de nós non pasou medo ao voltar a casa soa pola noite? que muller non se tivo que defender por ter que soportar  comentarios machistas? cantas veces escoitamos iso non o podes facer é cousa de homes ou tes que facelo porque sempre o fixeron as mulleres? Quen non tivo que decidir entre a súa carreira profesional e as dificultades para a conciliación familiar?…..

E continuei falando comigo mesma ata que entendín que as mulleres non tivemos que aprender esta fase, xa que ao longo da historia pasamos por desescaladas,  fomos quen de conseguir dereitos, que ao pouco tempo roubábanolos, seguimos avanzando pero sempre co xugo no pescozo e dándonos permiso os homes (esa supremacía tan superior....). A miña pregunta é, para cando unha vacina contra o virus do patriarcado? Para que ningunha muller teña medo, nin se sinta insegura, nin decidan por ela, nin lle rouben dereitos nin soños, nin lle pechen portas….

Gustaríame abrir os ollos e pensar que todo foi un pesadelo, que a sociedade volvera a nacer e que as mulleres foramos sempre ceibas, donas das nosas vidas e dos nosos destinos e que machismo nunca existira, porque  isto aféctanos a todas as mulleres sen importar a idade, a clase social, a xeografía, nin a época, isto é unha cuestión de xénero, polo que, loitemos todas xuntas! para frear o virus do machismo, contaxioso, perigoso, mortal e sen vacina á vista. Mulleres do mundo vai por nós!

Marín, 8 de marzo de 2021

Vacina para o virus do patriarcado