A PORTAVOZ MUNICIPAL LUCÍA SANTOS SÚMASE Á PREOCUPACIÓN DAS AMPAS POLA FALTA DE PRAZAS NOS CENTROS PÚBLICOS DA VILA.

O BNG DE MARÍN APOIA ÁS FAMILIAS QUE QUEREN ESCOLARIZAR AOS SEUS FILLOS/AS NO ENSINO PÚBLICO

grupo
grupo
O BNG presentou no concello unha pregunta sobre os problemas de escolarización en Marín para ser contestada no próximo pleno municipal. Queremos coñecer as xestións que pensa facer o goberno municipal  para solucionar este problema.
O BNG DE MARÍN APOIA ÁS FAMILIAS QUE QUEREN ESCOLARIZAR AOS SEUS FILLOS/AS NO ENSINO PÚBLICO

A comunidade educativa reclama que se aumente as prazas nos centros públicos, atendendo ao repunte de natalidade do ano 2017 e que se teñan en conta as medidas de distanciamento aconselladas polas autoridades sanitarias

O BNG Marín a través da súa portavoz Lucía Santos ten constancia da situación que se está producindo nos centros educativos do concello:

A EEI O Grupo, o CEIP O Sequelo, O CEIP do Carballal tiveron que baremar xa que as solicitudes superaron as prazas dispoñíbeis. As familias afectadas presentaron reclamacións, obtendo como resposta que xa se resolveran a partir do 11 de xullo. Este curso a situación creada pola pandemia deu lugar a que non se constituíse a Comisión de Escolarización, encargada de dirimir a resolución destes casos, polo que serán resoltos unilateralmente pola Inspección Educativa.

Nos últimos anos as prazas nos centros públicos non paran de diminuír, mentres que a concertada non so non o fai, senón que ve incrementada a súa oferta. A EEI o grupo pasou de 75 prazas por nivel, a 50 no ano 2007 e a 25 no ano 2020. O CEP O Sequelo de 50 prazas por nivel até o ano 2011 ve como actualmente hai niveis con só 25 prazas. O CEIP do Carballal leva anos tendo que baremar. Os centros educativos dispoñen de infraestrutura suficiente para admitir máis alumnado.

Pola contra, un dos centros concertados mantén dúas unidades en 4º de educación infantil, unha con 9 prazas e outra con 8 prazas, contradicindo a política educativa concertada pois non hai necesidade de manter esta situación, xa que existen prazas no ensino público.

Os centros públicos ven como cada curso se reducen ou non se incrementan as súas prazas, mentres que na concertada as revisións son cada 6 cursos.

O concello de Marín, conta con dous centros concertados no termo municipal, e doutro máis en O Cabo- Os Praceres (Lourizán) ao que acoden moitos nenos e nenas de Marín.

A Portavoz Municipal Lucía Santos insta a concelleira de educación a posicionarse ante esta realidade e apoiar aos centros educativos e as AMPAS na súa demanda perante a Xunta de Galiza de que se amplíen as prazas nos centros públicos, hoxe máis necesario se cabe para garantir as normas de distanciamento sanitarias.

Desde o BNG pedimos de xeito inmediato que a Consellaría de Educación deixe de pechar unidades educativas, concedendo outras novas no ensino público, de forte demanda nos últimos anos, e que está provocando que a falla dela obrigue a moitas familias a matricular aos seus fillos/as nos centros concertados, un deles dirixido por un concelleiro do Partido Popular de Marín. É o momento de recuperar unhas ratios sostíbeis para alumnado e profesorado en relación cos espazos suficiente nas instalacións existentes no concello.

Lamentamos o silencio cómplice do Goberno Municipal, da Concelleira de Educación de Marín e da Xunta de Galiza perante o desmantelamento dun servizo público esencial como é o ensino. Por iso imos realizar unha pregunta no Concello no vindeiro pleno.

Reiteramos o noso apoio ás demandas das AMPAS do CEIP do Sequelo e EEI O Grupo así como o ás familias afectadas por estas políticas do Partido Popular de eliminación progresiva do ensino público.

En Marín, a 6 de xullo do 2020

 

 

O BNG DE MARÍN APOIA ÁS FAMILIAS QUE QUEREN ESCOLARIZAR AOS SEUS FILLOS/AS NO ENSINO PÚBLICO