mulleres
Novas
SARA PIÑEIRO

#8M RETRATOS DE MULLERES DE MARÍN

Para chegar até aquí, antes, moitas mulleres tiveron que loitar polos nosos dereitos. Por iso hoxe queremos poñerlle cara a unha pequena parte de todas elas. Estas viviron ou viven en Marín. E con elas queremos camiñar este mes de marzo; mes de mulleres loitadoras, soñadoras, fortes e sensíbeis co tempo que lle tocou vivir, máis sempre libres.

Co seu orgullo e coa súa dignidade estivemos este mes de Marzo, guiadas polas redeiras, as conserveiras, as coidadoras e as limpadoras, as peiteadoras, as caixeiras de supermercados, as costureira, as mestras e todas aquelas que día a día traballan por un mundo mellor.

Con Carmen Pesqueira “A Capirota” berrando ante toda inxustiza.

Con Elsa “A Carruca” rapada máis sempre chea de dignidade.

Con Sara Piñeiro que leva a todas as labregas na súa fouce.

Coas escritoras da liberdade como Andrea Nunes e Christina Lilliestierna.

Con Esther de la Iglesia indo a universidade e así abrir camiños vetados as mulleres e coa súa irmá Rosa sacando o carne de conducir para sorprender ao mundo.

Coas deportistas que conquistaron ese mundo “só para homes”, como Ceci Puga e Flor Guzmán Davila.

Coas avoas que sempre quixeron conducir a súa propia vida como Pura Cidrás e Rosa de la Iglesia.

Coas que recuperan e fan xustiza co noso pasado máis escuro como Queta Molas.

Coas sabias mestras das que aprendemos a decir NON, como Belén Prada e Eladia Regina Milleiro.

Coas que defenderon sempre e con gran risco os dereitos das traballadoras como Petra Castro, Natalia Otero, Josefa Sequeiros, Dolores Santiago “A Pasionaria”.

Coas primeiras en ser, en ocupar un espazo como a carteira de Santomé Perfecta Rosales; a comadroa Carmen de los Santos; a empresaria do cine Quiroga Amalia Méndez; a traballadora do noso concello Argentina Pérez “A Xesteira”; a condutora do trole-bus Fina de Pazo Allariz; a policía local Genoveva Rosales; a médica e cirurxiá Mª dolores Rguez; a catedrática da Universidade Marítima Mundial Laura Carballo.

Coas primeiras representantes do nacionalismo nos concellos como Mar Santiago, e con Divina Pesqueira alcaldesa de barrio polas Pedreiras.

E tampouco faltarán nestas manifestacións de loita e de reivindicacións as que “non están” por que alguén lle roubou a vida e as que foron tantas veces golpeadas cando só buscaban respecto.

E con tantas outras que non podemos nomear, que non habería páxinas no mundo onde plasmar tanta coraxe e tanto valor.

Con todas elas marchamos hoxe e sempre, da man, xuntas, polas nosas rúas que nos observan expectantes por que saben que o futuro é noso.

Grazas infinitas a todas elas.

Comisión da muller do bng.

Ler novas