Imprimir

O BNG contra o achegamento de nenos/as ás armas

bngmarin.opennemas.com | 04 de Xuño de 2018

A xuízo do BNG, a participación de escolares en actos de exaltación militar e castrense é absolutamente contraria aos valores que debe trasmitir a escola. O grupo parlamentar do BNG ven de presentar unha serie de preguntas no Parlamento galego.

O pasado venres 1 de xuño tivo lugar a Segunda carreira escolar “Botón de Ancla”, organizada pola Escola Naval Militar e o Concello de Marín, actividade que formou parte dos actos de conmemoración do 75 aniversario da instalación da Escola Naval en Marín.

Na citada proba deportiva, desenvolvida en horario escolar, participaron –segundo os medios de comunicación- máis de 1.200 escolares e un cento de profesores e profesoras de colexios de Marín e Pontevedra: Inmaculada, San Narciso, Carballal, Sequelo, A Laxe e Salvador Moreno.

Ademais da carreira escolar, o programa de actos incluiu outras actividades lúdicas e recreativas como xogos, inchables e animación nas instalacións deportivas do centro militar. Segundo as queixas recibidas por varios país e nais os e as escolares participaron en actividades de coñecemento e manexo de armas de grande calibre (fusís, metralladoras, canons, etc), recollido mediante fotografías publicadas polos medios de comunicación.

A xuízo do BNG, a participación de escolares en actos de exaltación militar e castrense é absolutamente contraria aos valores que debe trasmitir a escola. E ademais constitúe un acto de manipulación e adoctrinamento de nenos e nenas que resulta ofensivo nun estado que se di democrático.

Polo anteriomente exposto, o grupo parlamentar do BNG ven de presentar as seguintes preguntas no Parlamento galego para resposta oral/escrita en Comisión:

1. Autorizou a Xunta de Galiza a participación de centros escolares de Marín e Pontevedra en actividades de exaltación militar e castrense?

2. Comparte o goberno galego a participación de nenos e nenas en actividades de coñecemento e manexo de armas?

3. Considera a Xunta de Galiza que estas actividades supoñen a manipulación e adoctrinamento dos nenos e nenas?

4. Participou a Xunta de Galiza no financiamento destas actividades?

E a seguinte pregunta para resposta oral en Pleno:

Comparte o goberno galego a participación de nenos e nenas en actividades de coñecemento e manexo de armas?

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/sen-categorizar/o-bng/20180604165827003516.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Marín