O BNG cos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza

29063265_1338557369623161_9040366431014748160_n
A Administración de Xustiza en loita

O BNG presenta unha moción en apoio dos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza para o seu debate no Pleno da Corporación deste mes de marzo.

O BNG cos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza

Os traballadores e as traballadoras da Administración de Xustiza de Galiza suman xa tres semanas de paro reclamando condicións salariais e laborais que non os discriminen, contra os recortes e en defensa dunha Administración de Xustiza áxil e moderna, e iniciaron o pasado 9 de febreiro unha folga indefinida. Trátase dunha medida extrema á que se chega logo de esgotar todas as vías posíbeis de negociación e como resposta á prepotencia, soberbia e cerrazón da Xunta de Galiza. A folga conta cun seguimento masivo e co apoio dos sete sindicatos representativos do persoal. Tamén as dúas manifestacións convocadas en Compostela, o 25 de xaneiro e o 24 de febreiro, contaron con un apoio masivo dos traballadores e traballadoras.

A convocatoria dunha medida tan extrema como unha folga indefinida, e o apoio masivo co que conta, hai que enmarcala no deterioro continuo dos servizos públicos, no empeoramento das condicións laborais, e nos continuos recortes de dereitos ao que levaron as políticas regresivas, reaccionarias e centralizadoras do PP no goberno do Estado e na Xunta de Galiza. Existe un malestar xeneralizado nos empregados e empregadas públicos, que mentres que noutros sectores está latente, no caso da Xustiza cristalizou en medidas contundentes de carácter reivindicativo, mobilización e loita. Cómpre valorar pois a importancia da capacidade de mobilización que está a manter este sector en contra da Xunta do PP.

A Xunta de Galiza e o PP, por boca de Feijóo e de Rueda, intentan trasladar á opinión pública que a única motivación deste conflito é unha mera reivindicación de mellora salarial, que se trata dun sector privilexiado (función pública) e que rexeitan unha “xenerosa” oferta de suba salarial. Tratan con isto de poñer á xente en contra e culpar a sindicatos e persoal da Xustiza das consecuencias negativas da folga

Os traballadores e traballadoras do sector da Xustiza en Galiza están sendo reiteradamente discriminadas na retribución do complemento transitorio con respecto ao resto do persoal do Estado, cunhas diferenzas salariais acumuladas no período 2013-2017 que poden variar entre os 4.000 e os 10.000 euros, dependendo do corpo ao que se pertenza. Por iso, unha das demandas é a subida do complemento transitorio autonómico, retirado das pagas extraordinarias polo Goberno de Feijóo, durante estes últimos catro anos.

Reclaman ademais a retirada do desconto que se lle aplica ao persoal da administración de xustiza en caso de IT, pero que non se aplica a xuíces e xuízas, fiscais ou letrados/as, así como a negociación do pagamento do 100% das substitucións, pois a diferenza do que pasa noutras autonomías, en Galiza o persoal que cubre un posto en substitución vertical non cobra a totalidade do posto que ocupa.

Solicitan igualmente que se negocie un plan recuperación das 106 prazas amortizadas en 2013 e que afectaron especialmente aos xulgados do contencioso, de paz, de familia e ás audiencias provinciais o que supuxo un incremento substancial da carga de traballo e atrasos, e as centrais sindicais piden a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, comprometida pola Dirección Xeral de Xustiza.

Con máis de tres mil xuízos suspendidos e unha folga indefinida que está a provocar un grave prexuízo nun servizo fundamental, faise necesaria unha negociación real que busque unha solución a un conflito que afecta a miles de cidadáns no noso país.

A pesar das demandas do comité de folga da interlocución do Consello Galego de Relacións Laborais, que foi o único lugar onde se deu un certo avance nas negociacións e que foi eliminado da mesa de negociación tras a entrada na mesma da Consellaría de Facenda, que permita desbloquear o conflito, a Xunta négase a aceptar a mediación, continuando nunha actitude total de cerrazón que a amosa incapaz de negociar co fin de chegar a un acordo.

Por iso, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Marín a adopción do seguinte

ACORDO

  1. Amosar o apoio aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza nas súas reivindicacións de dereitos laborais e de emprego.

  2. Instar á Xunta de Galiza a retomar as negociacións no marco do Consello Galego de Relacións Laborais cos representantes dos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza.

O BNG cos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza