Imprimir

Lucía Santos Omil, elixida pola militancia para liderar a candidatura do BNG en Marín nas eleccións municipais

bngmarin.opennemas.com | 14 de decembro de 2018

Lucía Santos, candidata do BNG de Marín
Lucía Santos, candidata do BNG de Marín

Lucía Santos destacou que “o BNG é unha forza política á alza, e a propia sociedade percibe que imos a máis”, polo que concluíu sinalando que “hai motivos para soñar”

Na Asemblea Local celebrada onte saíron aprobados os dez primeiros postos da candidatura, cuxos nomes serán feitos públicos no acto de presentación da candidatura, que terá lugar a comezos de ano

A Asemblea Local do BNG marinense designou a Lucía Santos Omil como cabeza de lista da candidatura que o Bloque presentará en Marín nas eleccións municipais de 2019. A militancia aposta así por Lucía Santos, valorando a súa experiencia e compromiso, dando continuidade o traballo da actual portavoz municipal, o que supón un claro refrendo ao seu traballo na actual corporación, na que sobresaiu como a concelleira máis prolífica na presentación de mocións e propostas nesta lexislatura.

Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixida, Lucía Santos agradeceu a confianza depositada, salientando que “é con gran honor, ilusión, orgullo e humildade que acepto liderar a candidatura do BNG, sendo plenamente consciente da enorme responsabilidade que asumo”, para continuar afirmando que se sinte “arroupada por persoas honestas e cunha grande capacidade de traballar en equipo.”

Nunha breve análise da situación de Marín amosou a súa tremenda preocupación pola negativa dinámica que padece o noso concello enumerando unha serie de importantes problemas que afectan á calidade de vida da veciñanza, e sinalando que “no BNG, e cada día máis marinenses, somos conscientes de que o PP é un lastre para Marín”.

A candidata manifestou que “o Partido Popular ten demostrado sobradamente carecer dun proxecto para Marín e amosa unha parálise total e falta de vontade política e de iniciativa, polo que non afronta os problemas estruturais existentes en Marín”. Lembrou que o goberno do PP “tampouco destaca pola defensa dos intereses de Marín, subordinándoos aos intereses do seu partido en Compostela, e destaca por unha manifesta incapacidade na xestión dos asuntos de trámite aos que ten que facer fronte”. E por último sinalou que é “un goberno ancorado na pasividade que tan só actúa por reacción”.

Lucía Santos fixo un resumo dos 8 anos de goberno popular concluíndo que “o desgoberno do PP ten a súa máxima expresión na dramática perda de poboación do noso concello. Desde o ano 2011, ano no que o PP accede ao goberno municipal, Marín perdeu 1360 habitantes, o 5,23% da poboación! Baixando por primeira vez en moitas décadas dos 25.000 habitantes”.

A actual portavoz municipal expresou ante a militancia que “o PP é o responsábel da decadencia de Marín”, afirmando que “o BNG é a alternativa seria e coherente ao desgoberno do PP”, e que “Marín precisa un tempo novo e fuxir das rutinas e deixadez do actual goberno local. E ese tempo novo só pode chegar da man do BNG.”

A candidata á alcaldía de Marín continuou a súa intervención avanzando as liñas mestras do proxecto co que aspira a construir “un Marín cun horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades.”

Lucía Santos afirmou que o BNG ten “un proxecto claro e solvente co obxectivo de facer un Marín mellor, mellorar a calidade de vida da veciñanza, baseado na recuperación da autoestima e o orgullo de ser de Marín. Un proxecto co foco posto na necesaria reforma urbana, abrindo Marín ao mar, poñendo ás persoas en primeiro plano, rehabilitando e protexendo o noso patrimonio, promovendo o dinamismo socioeconómico, ofrecendo alternativas a xuventude e cun forte compoñente das políticas sociais. Un conxunto de políticas que fagan que os e as marinenses se sintan orgullosos do seu concello, que atraia xente doutros lugares e que permita reverter a preocupante tendencia que amosa o noso concello.”

A candidata destacou que “no BNG temos un modelo de política municipal - o modelo BNG -, contrastado e recoñecido, un modelo de prestixio premiado internacionalmente, que mellora a vida das persoas e transforma a mellor as nosas vilas e cidades”. E nas vindeiras eleccións imos ofrecerlle á veciñanza de Marín a “realidade demostrada polos Concellos do BNG. A realidade de Pontevedra, referente mundial, mais tamén a de Allariz, Bueu, Rianxo, Carballo, Ribadeo, Tomiño… e tantos outros concellos do BNG que son un exemplo. No BNG sabemos facer as cousas.”

Lucía Santos incidiu en que os e as marinenses non podemos “asumir a perda de peso e de poboación de Marín. Marín ten enerxía e potencia dabondo”. E proseguiu lembrando que “a política municipal do BNG é por definición transformadora. Cambia os concellos, fainos máis habitábeis e á medida das persoas, muda dinámicas, crea autoestima, aumenta o desenvolvemento e o benestar. Nos concellos onde o BNG goberna a veciñanza está orgullosa do seu concello. Quérelle, gústalle vivir nel e séntese parte da súa transformación a mellor, porque o é.”

No tramo final do seu discurso a candidata destacou que “o BNG é unha forza política á alza, e a propia sociedade percibe que imos a máis”, polo que concluíu sinalando que “hai motivos para soñar”.

E xa para finalizar Lucía Santos solicitou o “apoio activo da militancia”, lembrando que “toca traballar duro mais imos a por todas. Porque de nós, do noso traballo, da nosa entrega, vai depender que Marín poña fin a súa decadencia e poida iniciar unha nova xeira de dinamismo e prosperidade”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/sen-categorizar/lucia-santos-omil-elixida-pola-militancia-liderar-candidatura-do-bng-marin-nas-eleccions-municipais/20181214114050003591.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Marín