Imprimir

A eurodeputada do BNG Ana Miranda afirma que o PP traizoa a Marín no Parlamento Europeo

Bloque Nacionalista Galego de Marín | 03 de xaneiro de 2013

Os deputados do PP en Bruxelas votaron en contra das emendas a favor de que o Porto de Marín se inclúa dentro da rede europea de transportes

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xunto coa portavoz municipal, Pilar Blanco, compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar a negativa do PP en Bruxelas a defender a inclusión do Porto de Marín dentro da Rede Europea de Tranportes.

“É unha traición a Marín en toda regra, xa que os eurodeputados do PP anunciaran que votarían a favor das emendas presentadas, tanto polo BNG como do propio PP”, afirmou Ana Miranda.

O Porto de Marín queda fóra tanto da rede principal, que acapara o 85% dos fondos europeos, como da rede básica que dispón do 15% restante

“O Porto de Marín queda fóra tanto da rede principal, que acapara o 85% dos fondos europeos, como da rede básica que dispón do 15% restante que a UE destina a infraestruturas portuarias relacionadas coas grandes áreas de transporte a nivel europeo”.

“O BNG foi o primeiro en decatarse que os portos galegos de Marín e Vigo quedaban fóra das infraestruturas europeas e polo tanto sen fondos, e presentou emendas propoñendo a súa inclusión, despois o PP e o PSOE  presentarían tamén as súas e no mesmo sentido que o BNG. Pero chegado o momento da votación observamos que Marín quedaba fóra das propostas e que polo tanto o goberno español non fixera ningún tipo de negociación previa para que as emendas se incluísen e se votasen”, continua a deputada do BNG en Europa.

O BNG foi o primeiro en decatarse que os portos galegos de Marín e Vigo quedaban fóra das infraestruturas europeas e polo tanto sen fondos, e presentou emendas propoñendo a súa inclusión

“Está claro que falta vontade política neste tema. Agora falta a fase plenaria do Parlamento Europeo, o Consello de Ministros aínda pode facer unha retificación e incluír as emendas pero para elo o goberno español ten que negociar e presionar”.

Inhibición do PP na Xunta e no Concello

Pola súa parte a portavoz do BNG en Marín, afirmou que existe unha total inhibición dos representantes dos gobernos do PP da Xunta e do Concello sobre un tema de vital importancia para o Porto de Marín.

Se o Porto queda fóra da rede básica perderá toda opción aos fondos europeos para infraestruturas no futuro inmediato, do ano 2014 ao 2020

“Non hai ningún tipo de reacción nin por parte da alcaldesa nin do presidente da Autoridade Portuaria, que deberían estar moi preocupados pola actitude dos seus colegas en Bruxelas e en Madrid. Se o Porto queda fóra da rede básica perderá toda opción aos fondos europeos para infraestruturas no futuro inmediato, do ano 2014 ao 2020”, afirma Pilar Blanco.

Preocupación pola situación do sector pesqueiro no Porto

A portavoz municipal tamén amosou a súa preocupación polos datos recentes aportados pola propia Autoridade Portuaria que reflicten un descenso de 7.000 toneladas no volume de descarga de peixe. “Estase a perder un sector vital para a economía local, nos últimos anos perdéronse 2000 postos de traballo relacionados directamente coa lonxa e coa pesca, e o peor está por vir senón se busca unha solución para a flota en Mauritania”. “O goberno da Xunta e o propio goberno local permanecen impasibles ante a perdida dun sector que sempre deu emprego de calidade no noso municipio e que produce moitos beneficios económicos directos e indirectos”. “Os únicos preocupados parecemos ser o BNG, pero quen ten capacidade de goberno e de decisión para evitar a desaparición da lonxa e do sector da pescas son os gobernos do PP, pero só mostran desinterese e despreocupación”, finaliza Pilar Blanco.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/destacadas/eurodeputada-do-bng-ana-miranda-afirma-pp-traizoa-marin-no-parlamento-europeo/20130103172314002185.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Marín