Imprimir

Demandamos solución ao vertedeiro incontrolado en Miñán

BNG de Marín | 04 de agosto de 2020

IMG-20200731-WA0001
IMG-20200731-WA0001

Dende o BNG de Marín queremos facer publico o problema que afecta a veciñanza de Miñan na parroquia de Santomé de Piñeiro, xa que levan días vendo como no lugar onde se atopan os contedores de lixo, a marquesiña do autobús e o cruce que comunica a varias aldeas, estase acumulando escombro de forma descontrolada. Chegando a ser lugar de almacenamento de colchóns, mobles, electrodomésticos e todo tipo de aparellos, que ademais de producir diversos problemas de espazo, tamén ocasionan insalubridade, cheiros e sucidade.

Ante a situación varios residentes de Miñán chamaron ao servizo de recollida de mobles e voluminosos do concello de Marín, sen conseguir resposta nin solución, xa que o escombro segue acumulándose no lugar.

Fai máis de 15 anos xa sufriron a mesma problemática, converténdose Miñán no vertedoiro de Marín, naquel momento foron os propios veciños que se mobilizaron a base de denuncias, de plantarse no concello a protestar, e incluso poñerse diante dos contedores para non permitir o vertido de máis escombros. A única alternativa que lle deron foi quitar os contedores, pasado uns anos volveron a poñelos, sen moito problema ata o de agora.

Nestes días e a medida que seguen acumulándose mobles e lixo, vai medrando a preocupación da veciñanza por medo a volver a mesma situación de fai 15 anos, vendo que dende o concello de Marín non se poña remedio a esta situación de insalubridade pública.

Tamén queremos resaltar a importancia das accións individuais de cada un de nós, tomando conciencia de non estragar nin contaminar o noso pobo.

Por outra banda tamén queremos poñer de manifesto o continuo abandono do rural marinense, evidenciando que non se realizan actuacións de limpeza, mantemento, etc. das aldeas e zonas rurais do Concello, cando somos igualmente veciños e veciñas de Marín, pagamos taxas e impostos e precisamos os servizos dun Concello que atenda debidamente ao seu rural e velo polo seu medioambiente.

Marín, 3 de agosto de 2020.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/demandamos-solucion-ao-vertedeiro-incontrolado-minan/20200803100517003790.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Marín