#ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan

54228885_1927932394001594_7899089600654606336_n
#ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan

Enriquecedor acto o celebrado o pasado venres na Biblioteca Pública, co título "#ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan", que contou coa participación de Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), Cristina Cid Fernández (alcaldesa de Allariz), Sandra González Álvarez (alcaldesa de Tomiño) e Lucía Santos Omil (candidata á alcaldía de Marín).

#ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan

Lucía Santos destacou na súa presentación que "o BNG ten un modelo de política municipal - o modelo BNG - contrastado e recoñecido, un modelo de prestixio premiado internacionalmente, que mellora a vida das persoas e transforma a mellor as nosas vilas e cidades", lembrando que "Pontevedra, referente mundial, mais tamén Allariz, Tomiño, Moaña, Bueu, Poio, Rianxo, Carballo, Ribadeo… e tantos outros concellos do BNG son exemplos de xestión municipal porque no BNG sabemos facer as cousas. É unha realidade." E destacou que "no BNG somos persoas ambiciosas e soñadoras e a política municipal do BNG é por definición transformadora. Cambia os concellos, fainos máis habitábeis e á medida das persoas, muda dinámicas, crea autoestima, aumenta o desenvolvemento e o benestar. Nos concellos onde o BNG goberna a veciñanza está orgullosa do seu concello. Quérelle, gústalle vivir nel e séntese parte da súa transformación a mellor, porque o é."

Cristina Cid lembrou que o BNG ven gobernando Allariz desde o ano 1989. Allariz é un espello onde mirarse, era unha vila condenada e sen futuro que o BNG converteu nunha localidade puxante que crece en poboación. Unha vila modélica, exemplo de rehabilitación do seu casco histórico, entre outras cousas. Allariz tiña 5506 habitantes en 2007 e subiu a 6110 en 2018 (incremento do 11%) nun contexto, estamos a falar do interior de Galiza, onde a práctica totalidade dos concellos perden poboación. Sen dúbida é un exemplo de xestión local, con aplicación de iniciativas avanzadas e imaxinativas. Durante a súa intervención debullou con detalle numerosas das iniciativas levadas a cabo nesta vila que conseguiron rehabilitar o casco histórico, dinamizar economicamente a vila, dotala dunha programación cultural estábel, e convertila nun reclamo para infinidade de visitantes ao longo de todo o ano.

Sandra González é alcaldesa de Tomiño desde 2007, e é outro exemplo de como se poden facer ben as cousas. Como o resto de concellos do BNG destaca pola mellora en mobilidade e seguridade viaria, foi escollido pola Fegamp como exemplo na xestión e axuda ás comunidades de augas, exemplo de cooperación transfronteiriza e na política social. Tomiño foi declarado Concello Amigo da Infancia, título concedido por UNICEF. É un concello que tamén medra, pasando dos 12.651 habitantes en 2007 a 13.464 en 2018 (+6,43%). Sandra destacou a política social levada a cabo neste concello do sur de Galiza, política social dirixida á infancia, ás persoas de idade, ás persoas con baixos recursos..., políticas que fan que aumente a calidade de vida da veciñanza. E tampouco se esqueceu das políticas de recuperación de espazos públicos levados a cabo nos espacios urbanos do concello.

Miguel Anxo Fernández Lores é alcalde de Pontevedra desde 1999. O modelo urbano de Pontevedra é un exemplo a nivel mundial, premiado en medio mundo, e a ONU recoñeceu a Pontevedra co premio Hábitat pola súa reordenación do espazo público. O BNG acometeu unha auténtica revolución en Pontevedra, e as súas rúas reciben cada ano innumerábeis delegacións de vilas e cidades de todo o mundo, para tratar de copiar o seu modelo. Por suposto, é unha cidade que medra en poboación, pasando dos 80.202 habitantes en 2007 aos 82.802 en 2018 (+3,24%). Lores destacou que unha das ideas clave do goberno do BNG en Pontevedra sempre foi o de recuperar o espazo público para as persoas e lembrou que en 1999 a cidade estaba invadida polos coches, pasando polo centro de Pontevedra 150.000 vehículos ao día, ou como se conseguiu reducir a taxa de mortes por atropelos de 30 (entre 1997 e 2007) a 0 (desde 2011).

Xa para rematar, Lucía Santos lembrou que “Marín é un concello en franca decadencia, o único de toda a zona que perde poboación presentando os peores datos de todos os concellos galegos de entre 20 e 50.000 habitantes, consecuencia dun goberno do PP sen proxecto, incapaz de aplicar medidas dinamizadoras e transformadoras para Marín. O PP amosa unha total incapacidade e falta de vontade política para afrontar os problemas estructurais da nosa vila.”

Mais Santos destacou que hai alternativas, que Marín pode reverter a preocupantes tendencia que amosa e “dende o BNG propoñemos un novo proxecto de cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial e orgullosa da súa identidade. Un Marín pensado para as persoas, con espazos abertos, rúas humanizadas e barrios integrados no casco da vila e con políticas que promovan o desenvolvemento económico do rural.”

E rematou poñendo de manifesto que nos concellos onde goberna o BNG aumenta a calidade de vida da veciñanza e a xente está contenta, e son concellos onde se ten en conta a opinión da xente fomentando a participación na toma de decisións, un aspecto que tamén destacaron nas súas intervencións as alcaldesas e o alcalde. E sentenciou que "isto mesmo é o que queremos para Marín. Un Marín cun horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades. Nas vindeiras eleccións imos ofrecerlle á veciñanza de Marín a realidade demostrada polos Concellos do BNG."

#ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan