Moción urxente para esixir responsabilidades políticas pola suspensión da Carreira Pinga Pinga

Campo de fútbol de Santomé
Campo de fútbol de Santomé

O BNG ven de presentar no rexistro do Concello de Marín unha moción urxente para esixir, tal e como xa anunciamos nun primeiro comunicado o pasado martes 26 de setembro, responsabilidades políticas no goberno municipal pola nefasta xestión da Carreira Pinga Pinga, que motivou a súa definitiva suspesión.

Moción urxente para esixir responsabilidades políticas pola suspensión da Carreira Pinga Pinga

A carreira Pinga Pinga é un dos acontecementos deportivos máis importante que se producen no termo municipal de Marín. Nacía no 2010 polo empeño dun grupo de mozos e mozas da freguesía de Piñeiro, da man do Club Deportivo Pinarium, desenvolvendo por aquel entón un percorrido de sete quilómetros. Nesa primeira edición a carreira contou con 700 participantes, sendo apoiada desde o primeiro momento por personalidades de prestixio do mundo do deporte da provincia de Pontevedra.

Como xa recollían daquela os medios de comunicación, a “Pinga Pinga” era máis que unha carreira, un acto deportivo popular encadrada dentro da Festa da Sidra cuxo desenvolvemento se realiza nunha paraxe fermosa, como é de feito a paisaxe e patrimonio da propia parroquia.

Nestes últimos sete anos a carreira foi gañando adeptos e fama, sen perder nunca as súas raíces populares. Como explicamos, a “Pinga Pinga” non é só un evento deportivo que mistura a festa co medio ambiente, é moito máis que iso. A entidade organizadora, C.D. Pinarium, colabora con entidades sociais como a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), ademais traballa coa Asociación Xoán XXIII na inclusion de persoas con discapacidade intelectual. Velaí polo tanto un engado á transcendencia que ten a “Pinga Pinga”.

No mes de novembro de 2013 a Corporación Municipal de Marín aprobaba, cos únicos votos a favor do Partido Popular, un convenio para remodelar o campo de fútebol propiedade da Comunidade de Montes de Piñeiro. Neses intres a propia alcaldesa declaraba que as devanditas obras era unha inversión importante, sobre todo para o rendimento que se lle sacará para o equipamento. Aínda que non clarexou, polo que se ve agora, que o equipamento sería en exclusividade só para a equipa de fútebol da S.D. Santomé.

O campo estivo rematado en marzo do 2015, a partir de entón comezaron os problemas. Cabe lembrar que entre outras cousas o convenio obriga ao Concello de Marín asumir os gastos do subministro eléctrico durante 15 anos, que a Deputación de Pontevedra pode ocupar as instalacións cinco días ao ano, mentres que o Concello poderá facelo cando non interfira cos horarios da S.D. Santomé.

Entre outras o convenio aprobado polo PP, sendo xa Concelleiro Delegado de Deportes de Marín Antonio Traba, afirma que “o Club comprométese a que as instalacións do campo podan ser utilizadas pola Deputación Provincial, para a celebración de calquera evento deportivo que poida organizar” e engade “o máximo de ocupación por estas actuacións será de cinco días ao ano, salvo circunstancias excepcionais”.

Este mesmo convenio, na parte referente ao Concello, fai referencia ás escolas municipais, onde se afirma que a propia institución municipal pode facer uso do campo cando queira. Lembramos que C.D. Pinarium forma parte da Escola Municipal de Atletismo e polo tanto pode facer uso das equipacións que posúe o lugar.

Por outro lado, mentres a Comunidade de Montes de Piñeiro e a Deputación de Pontevedra demostran o seu apoio ao uso do campo, o Concello cala e bota balóns fora. O apoio demostrado pola Deputación á carreira xa é motivo suficiente para que fique claro que é un dos días que lle corresponde e polo tanto sexa usado polos organizares C.D. Pinarium.

Segundo os Técnicos en C.C. do Deporte e a Educación Física consultados recoñecen que de ningún xeito o número de participantes usuarios do campo para o evento da Pinga Pinga, nin as nenas e nenos participantes da carreira poden estropear a herba sintética e que en absoluto esta sexa unha causa excepcional para que o C.D. Pinarium non poda organizar a tradicional carreira infantil para uso dos vestiarios do campo.

Desde o BNG temos claro que esta crise débese á chantaxe e cabezonería do concelleiro do PP José Cidrás, Presidente ademais do S.D. Santomé, que fai un uso de poder inapropiado sobre a instalación deportiva, provocando que a edición do 2017 non se leve a cabo. Mais sobre todo, é evidente a inercia do Goberno Municipal en resolver o problema e polo tanto eludindo a súa responsabilidade política co asunto.

Ven sendo hora que o Concello empece a traballar, non pode vivir de sorrisos e bos xestos. Esta cancelación, e engadida á protagonizada este ano no Festimar, só demostran que algo non funciona e ese algo é un Goberno Municipal do PP en Marín acostumado a vivir do traballo dos entes vivos do Concello, carecendo dun proxecto serio para Marín, que esquece sobre todo a súa xente moza.

Por todo isto,

SOLICITA

  1. A demisión como concelleiro de José Cidrás Rosales, como responsábel da cancelación da carreira da Pinga Pinga 2017.

  2. A distitución como Concelleiro Delegado de Deportes de Antonio Traba Miñones pola ineficacia en solventar o problema.

  3. A Reprobación da Alcaldesa María Ramallo Vázquez pola súa ineficacia ao ser a máxima responsábel política da cancelación do evento deportivo.

  4. Que o Concello de Marín convoque a Comisión de Seguemento do Convenio que asinaron as partes para proceder á modificación do mesmo e arranxar todos os aspectos para que non volvan a pasar estes acontecementos lamentábeis.

  5. Que o Pleno do Concello de Marín amose a súa solidaridade co C.D. Pinarium e condene os feitos anteriormente referidos.

  6. Que o Concello de Marín retome o diálogo co Clube Deportivo Pinarium para solventar todos os problemas canto antes e poder gozar no 2018 dunha nova edición da Pinga Pinga.