O BNG recolle sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade en Marín

Centro de Saúde de Marín
Centro de Saúde de Marín

O BNG de Marín ven de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Marín e resolva dunha vez os non poucos problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa vila.

O BNG recolle sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade en Marín

O 22 de setembro o BNG de Marín convocou unha rolda de prensa diante do Centro de Saúde da nosa vila para denunciar publicamente as carencias e deficiencias do novo edificio así como os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia sanitaria, destacando os seguintes puntos:

  • Supresión da ambulancia 24 horas.
  • Anuncio da Xunta de prescindir do prometido Servizo de Radioloxía no novo Centro de Saúde.
  • Carencia do Servizo de Farmacia.
  • Carencia de monitor de desfibrilador no Centro de Saúde.
  • Inexistencia de caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes.
  • Deficiente Servizo de Fisioterapia.
  • Falta de calefacción e auga quente durante varios días ao mes.
  • Inundacións nalgunhas consultas.
  • Deficiencia asistencial no servizo de Matronas.
  • Falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal.

Naquela convocatoria, á que acudiu a nosa deputada Montse Prado, O BNG anunciaba que levaría todos estes asuntos ao Parlamento Galego. E así foi, as carencias e deficiencias do novo Centro de Saúde e os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia sanitaria chegaron ao Parlamento da man do BNG.

O mércores 11 de outubro os problemas da Sanidade Pública de Marín tratáronse na Comisión 5ª do Parlamento Galego, onde a deputada do BNG Montse Prado lle pediu a Feijóo que cumpra as promesas e se subsanen as deficiencias no Centro de Saúde.

Mais lamentabelmente o Partido Popular votou en contra da iniciativa do BNG, impedindo deste xeito a posibilidade de mellora da Sanidade Pública na nosa vila e que en último termo a veciñanza de Marín reciba a atención sanitaria de calidade que merece.

O BNG de Marín non pode e non vai aceptar esta negativa xestión da Sanidade Pública en Marín nin os incumprimentos por parte da Xunta e non deixará de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as marinenses.

Así, o BNG de Marín quere informar que ven de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Marín e resolva dunha vez os non poucos problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa vila.

Desde onte, xoves 2 de novembro, a militancia do BNG de Marín xa está a recoller sinaturas e as follas de sinaturas pódense atopar en varias decenas de establecementos comerciais da nosa vila, polo que animamos á veciñanza de Marín a que asine. É un simple, mais moi importante, xesto co que cada veciño/a de Marín pode colaborar de cara a conseguir as xustas melloras que os/as marinenses reclamamos, e merecemos.