O BNG de Marín reclamará a devolución do Pazo de Meirás no Pleno

Pazo de Meirás - Ocupación simbólica
Pazo de Meirás - Ocupación simbólica

O BNG leva ao Pleno da Corporación Municipal unha moción para rematar coa impunidade do franquismo.

O BNG de Marín reclamará a devolución do Pazo de Meirás no Pleno

O anuncio da decisión de que a Fundación Franco xestione as visitas ao Pazo de Meirás constitúe unha provocación, unha ofensa e falta de respecto tanto ás vítimas da Ditadura como a Galiza no seu conxunto, e un escandaloso exemplo da impunidade con que se move quen fai apoloxía do terrorismo fascista.

Resulta insultante e vergonzoso que un espazo que é produto dun espolio sexa aínda propiedade da familia Franco. E resulta aínda máis indignante que a Fundación que leva o seu nome o utilice para contar unha versión absolutamente manipulada da historia e para facer apoloxía da Ditadura e do ditador.

Estes feitos supoñen a constatación –por se non estaba suficientemente claro- da permanencia do franquismo nun réxime que se di democrático. E son posíbeis pola incapacidade do sistema político español para acabar coa vergonza que supón que a familia Franco sexa aínda dona dunha propiedade que é produto dun roubo, que faga negocio con ela e que a convirta nun parque temático de exhaltación dun réxime totalitario que exterminou a miles de homes e mulleres por motivos políticos. Sería admisíbel que en Alemaña ou en Italia existisen palacios e fundacións dedicados a exaltar a memoria de Hitler ou Mussolini?

Esta situación escandalosa e indignante é posíbel pola complicidade e a permisividade das institucións do Estado e da Xunta de Galiza, que consinten, amparan e protexen a Illa de impunidade e o parque temático franquista en que se convertiu o Pazo de Meirás.

Por outra parte, cómpre ter en conta que o espolio de Meirás contou coa participación activa e decisiva de Deputacións e Concellos galegos. Polo tanto, estas administracións teñen a responsabilidade e o deber de sumarse ás iniciativas que procuran poñer fin a esta situación.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1. Declarar a familia do Ditador e a Fundación Franco non gratas no Concello de Marín.

2. Adherirse á proposta aprobada polo Pleno da corporación municipal de Sada instando tamén á Xunta de Galiza para que sexa este Concello o encargado das visitas guiadas ao Pazo de Meirás, como garantía de que as persoas visitantes do BIC reciben unha información veraz sobre a historia deste espazo histórico.

3. Facer unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador. Instar ao goberno do Estado a facer as modificacións legais precisas para a ilegalización da Fundación Franco.

4. Adherirse e apoiar a iniciativa da “Xunta Pro da Devolución do Pazo de Meirás”, da que forman parte como entidades promotoras a Deputación da Coruña, os Concellos de Sada e A Coruña, a Universidade da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a Iniciativa Galega pola Memoria.

5. Instar á Xunta de Galiza á elaboración dunha Lei galega de memoria histórica na que se prohiban, persigan e sancionen os actos de exaltación do franquismo e as entidades que os promovan.