Xuntanza entre as portavoces dos grupos municipais e a Autoridade Portuaria

Lucía Santos, Portavoz municipal do BNG, insistiu na necesidade de retirar os contedores diante da Alameda de Marín ao tempo que trasladou a aposta do BNG pola defensa dos postos de traballo no porto e a mellora da calidade e das condicións do mesmo, e demandou unha maior integración de espazos portuarias para uso do pobo de Marín, así como incrementar a colaboración do ente portuario co concello e o entramado social, como así fan outras autoridades portuarias.

Xuntanza entre as portavoces dos grupos municipais e a Autoridade Portuaria

Este mércores 11 de decembro tivo lugar unha xuntanza entre os/as portavoces dos grupos municipais do concello de Marín e o presidente da Autoridade Portuaria (AP) do porto de Marín.

Esta reunión produciuse como consecuencia da moción presentada polo BNG para instar á Autoridade Portuaria a retirar de diante da Alameda de Marín os contedores sen uso que, até con catro alturas están alí almacenados.

Por parte do presidente da AP, que estaba acompañado polo director do porto, déronse explicacións aos/as portavoces sobre o funcionamento do porto, pero sen aportar solucións inmediatas a este problema. Quedaron en estudar unha redución de alturas e nun futuro non determinado a estudar o traslado, alegando que no porto non hai outro sitio por falta de espazo.

Desde o BNG consideramos, como así llo manifestamos aos representantes da AP, que esta entidade tiña que dar unha solución a localización dos contedores no centro de Marín. Tamén quixemos deixar claro que o BNG aposta pola defensa dos postos de traballo no porto, como tamén apostamos pola mellora da calidade e das condicións do mesmo. Temos que lembrar que no porto de Marín perdéronse tres mil postos de traballo no sector pesqueiro nos últimos anos, un sector económico fundamental na nosa vila e que sempre foi e é defendido polo BNG.

Para nós a planificación que se está a facer do porto de Marín non é a correcta nin se fai con criterio pensando a longo prazo, o que da lugar a problemas como a recente perda do tráfico de contedores fronte a outros portos.

A política portuaria debe basearse na colaboración entre os distintos portos galegos, e non como se fai na actualidade lanzándoos a unha competición entre eles para ver quen lle rouba os tráficos ao porto do lado. Faise hoxe mais necesario o traspaso das competencias portuarias á Galiza para mellorar e achegar a xestión dos portos.

Tamén aproveitamos para demandar unha maior integración de espazos portuarias para uso do pobo de Marín, e a incrementar colaboración do ente portuario co concello e o enramado social, como así fan outras autoridades portuarias.

Desde o BNG continuaremos na liña de buscar a mellora das relacións coa autoridade portuaria sen deixar de demandar unha maior implicación deste organismo na recuperación de espazos para uso e desfrute do pobo de Marín.

Xuntanza entre as portavoces dos grupos municipais e a Autoridade Portuaria