A recuperación da festa dos Maios de Marín

Maios de Marín
Maios de Marín

O BNG quere amosar a súa ledicia polo apoio unánime a nosa moción pola recuperación da Festa dos Maios de Marín. Está claro que a Corporación Municipal de Marín é consciente da deriva cara a desaparición desta festividade tradicional que se remonta varios séculos e que forma parte do noso patrimonio inmaterial galego.

A recuperación da festa dos Maios de Marín

Partimos do feito de que para que non desapareza é decisiva a participación das institucións públicas, e en concreto do Concello de Marín. Pese ao importante traballo de mantemento desta tradición cultural por parte de asociacións como o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación Cultural Ronsel de Seixo e a Asociación Cultural de Santomé de Piñeiro botamos en falta unha implicación máis decisiva por parte da actual equipa de Goberno do PP. Velaí esta proposta construtiva do BNG, e da que tivemos que renunciar a varios puntos para conseguir a aceptación da mesma, non por parte do Goberno do PP, senón por outro partido da oposición. O obxectivo da proposta é implicar ao Concello na reactivación da festa dos maios coa colaboración das entidades interesadas e mesmo coa participación dos centros escolares do noso termo municipal. O Concello ten a obriga de velar pola preservación, ten que tomar medidas e implicarse parando o declive da Festa. O Goberno Municipal do PP non pode estar realizando unha política cultural sen un proxecto definido, son as propias institucións públicas as que deben revitalizar a Festa dos Maios de Marín.

Pese a isto o BNG quere lembrar que desde o noso posicionamento político o Goberno Municipal do Partido Popular, encabezado pola señora Ramallo, debería ter en conta estes puntos:

 

  1. Que, conxuntamente coas asociacións interesadas, se realice promocións intensivas, tanto na rúa como cos entes vivos do Concello, sobre a representación da Festa dos Maios de Marín tendo en conta a nosa especificidade.

  2. Que, conxuntamente coas devanditas asociacións, se desenvolva unha serie de actividades en todos os centros escolares e institutos do concello para implicalos na Festa.

  3. Que, conxuntamente coas asociacións interesadas, se mellore os premios non só o incentivo económico senón, se cadra e entre outras, tamén invitando aos participantes á degustación dalgunha sobremesa típica do período ou de Marín.

  4. Que, conxuntamente coas asociacións culturais, se organicen unha serie de obradoiros, charlas prácticas e pedagóxicas para potenciar a difusión dos Maios entre a veciñanza e sobre todo nos/as máis cativos/as.

  5. Que esta potenciación non só se circunscriba a Marín e Seixo senón que se recupere en todo o territorio municipal, pois aínda está viva na memoria das xentes do rural.

  6. Que por parte do Concello de Marín se trate de recuperar as famosas “carrozas triunfais” que no pasado caracterizaban Os Maios de Marín.