Propostas do BNG para mellorar o Ensino en Marín

56196828_416313809125576_4339220508714205184_n
Grupo escolar

Desde o BNG vemos con preocupación a situación do ensino público no termo municipal de Marín, pois é evidente o seu deterioro nos últimos anos, cunha forte perda de unidades escolares no concello. 

As políticas de ensino velarán e cooperarán para que a planificación e ordenación educativa garanta a prestación en parámetros de calidade. 

Propostas do BNG para mellorar o Ensino en Marín

A Comisión Electoral do BNG en Marín ven de aprobar o seu programa para mellorar o ensino no concello. Desde o BNG vemos con preocupación a situación do ensino público no termo municipal de Marín, pois é evidente o seu deterioro nos últimos anos, cunha forte perda de unidades escolares no concello. O Sequelo perdeu dúas unidades de infantil nos últimos 10 anos, O Grupo 6 unidades nos últimos 15 anos, O Carballal unha unidade infantil hai 5 anos, A Laxe leva varias, etc. Temos centros públicos cunha parte importante do seu espazo totalmente baleiro.

As políticas de ensino velarán e cooperarán para que a planificación e ordenación educativa garanta a prestación en parámetros de calidade. O desinterese demostrado por parte do goberno municipal de Marín con levou a unha situación de desleixo no eido educativo. Para o BNG o ensino público e de calidade forma parte dos eixos fundamentais da nosa acción de goberno, ademais de apostar por un bo servizo educativo que potencie e que faga posíbel que moitas familias miren a Marín para fixar a súa residencia, incrementando polo tanto o censo de habitantes.

Desde o BNG vamos traballar para cambiar esta situación, mellorando as infraestruturas (pintados externo e interno, rede eléctrica, fibra óptica, zona wifi, pavillóns axeitados para o alumnado, mellora integral dos comedores fomentando o seu uso pola comunidade escolar, acción íntegra contra a humidade nos centros, transporte, etc) para conseguir en todo o municipio un ensino de calidade. Para iso, entre outras cousas, apostamos:

1.Impulso da acción do Consello Escolar Municipal como organismo de participación social para analizar a política educativa en Marín. Este organismo debe ser o alicerce onde se desenvolverá o traballo educativo, non consideramos axeitado que este organismo se reuna só unha vez ao ano para mellora educativa no concello.

2. Entre as actividades a desenvolver polo CEM será a realización dun “Proxecto Educativo de Vila” de Marín (PEV): Potenciaranse actividades que faciliten as relacións interxeracionais e impulsaranse actividades, nos centros sociais (centros de día, residencia da terceira idade) e de ensino, de recollida memoria viva a través da historia oral dos traballos, festas, oficios, acontecementos políticos ou culturais, protagonizada por persoas maiores. O impulso para unha maior interrelación entre a escola e a sociedade, incidindo no protagonismo que debe ter a mocidade.

3. Outras das funcións do Consello Escolar será a elaboración dun Plan Educativo Anual, estruturado e programado de acordo cos colexios, e a súa aprobación antes do inicio do curso. Este plan deseñará as actividades extraescolares de dúas horas á tarde, potenciará a Biblioteca Diaria fomentando o seu uso para o traballo colectivo (entre outras), fomento de “Patios dinámicos” para a recuperación do xogo tradicional, a integración dos nenos con dificultades, a posta en marcha dos denominados “camiños escolares seguros” para que os escolares aprendan a vir sós á escola, etc.

4. Dentro do PEV, promoveremos programas municipais de educación e dinámicas de traballo dirixidos aos escolares que faciliten a incorporación da realidade cultural e patrimonial de Marín: coñecemento do patrimonio natural, histórico, etnográfico ou artístico do concello, funcionamento de servizos,... convertendo o concello nun espazo educador. Hoxe en día esta iniciativa corresponde en Marín só aos centros escolares polo que só depende estes programas ás políticas pedagóxicas de cada centro, polo que queremos rachar coa inactividade en propostas por parte do actual goberno municipal do Partido Popular.

5. Constituiremos un Servizo de Normalización Lingüística no Concello de Marín para promocionar, entre outras cousas, o uso do galego na comunidade escolar.

6. Desenvolvemento dunha política social cara o ensino: * Bolsas de estudos para as familias de rendas máis baixas, promoción para o desenvolvemento de programas de iniciación profesional en Marín, intentarase ampliar a rede actual de centros dedicados á formación de persoas adultas. * Becas de Comedor ofertadas polo Concello de Marín. * Demandando da administración galega que se imparta educación de adultos nivel III. * Estabeleceranse axudas á conciliación naquelas accións formativas para persoas adultas que realice o concello que eviten eliminar a persoas con cargas familiares (canguros, atención a domicilio de dependentes…). * Impulso dos servizos de canguros e de recollida e acompañamento á infancia ás actividades extraescolares. * Promoveranse obradoiros de ‘bos tratos’ e de ‘corresponsabilidade doméstica’ como actividades extraescolares en colaboración con ANPAS e centros escolares. * Convenios entre os concellos, outras institucións e as empresas de transporte para estabelecer descontos progresivos para os mozos e as mozas estudantes e mellorar os servizos.

7. Impulso á creación de novas escolas infantís integradas na Rede Galega (ampliando as tres existentes en Marín: Galiña Azul de San Pedro, Galiña Azul de Seixo e na Residencia de Maiores) como servizo público de atención á infancia de idades comprendidas entre os 4 meses e os 3 anos.

8. Fomentaranse iniciativas e campañas de coeducación para o ensino e para unha educación non sexista.

Todos estes puntos forman parte dun programa máis amplo, que será presentado no centros escolares, ás ANPA´s e aos representantes da comunidade escolar en reunións que xa puxemos en marcha en Marín.

Propostas do BNG para mellorar o Ensino en Marín