Lago de Castiñeiras: O PP, por fin, escoita as demandas do BNG e da sociedade marinense

Lago de Castiñeiras
Lago de Castiñeiras

Desde o BNG amosamos a nosa satisfacción de que o Partido Popular por fin escoite as demandas tanto do BNG como de diferentes actores sociais da nosa vila e actúe para solucionar a perda de auga do Lago.

Lago de Castiñeiras: O PP, por fin, escoita as demandas do BNG e da sociedade marinense

Desde o BNG queremos amosar a nosa satifacción despois de coñecer a noticia na que o Goberno Municipal de Marín anunciaba que o Concello de Marín levará a cabo as obras de reparación das grietas do Lago de Castiñeiras, polas que nos últimos anos o lago estaba perdendo auga até chegar a quedar totalmente seco en varias ocasións.

No pasado mes de maio, o deputado do BNG Luís Bará comezou unha serie de actuacións para promover melloras no parque de Castiñeiras, como o rexistro de iniciativas no Parlamento Galego demandando á Xunta de Galiza a implicación inmediata para frear o estado de abandono deste entorno natural, a denuncia do incumprimento do plan de inversión en traballos de mellora en colaboración coas Comunidades de Montes de Vilaboa ou solicitar a posta en valor da enorme riqueza patrimonial coa que conta o monte de Castiñeiras.

Pouco antes do verán constituise a “Plataforma en defensa do Lago e Parque de Castiñeiras”, da que forman parte mais de 25 entidades sociais, para demandar que a Xunta actúe de cara a recuperar este espazo de grande valor paisaxístico, pedagóxico, cultural e de lecer e que levou a cabo diferentes iniciativas reivindicativas como unha andaina pola contorna de Castiñeiras ou diversas xuntanzas con colectivos e asociacións.

Desde o BNG amosamos a nosa satisfacción porque por fin o Partido Popular de Marín amose un mínimo de interese en relación co Lago de Castiñeiras, despois de anos de abandono e esquecemento. Mais cómpre salientar que a liña de actuación do goberno municipal do PP volta ficar en evidencia unha vez máis. En Marín sufrimos un goberno municipal paralizado, carente de ideas, que só actúa por reacción, como consecuencia das iniciativas, solicitudes, demandas e reivindicacións sociais e políticas.

Insistimos en amosar a nosa satisfacción de que o goberno municipal por fin escoite as demandas tanto do BNG como de diferentes actores sociais da nosa vila e actúe para solucionar a perda de auga do Lago, unha das actuacións prioritarias no Parque de Castiñeiras, mais non entendemos por que ten que ser o Concello de Marín quen ten que asumir o custe e non se inste á Xunta de Galiza, en mans tamén do Partido Popular, a que realice e asuma os custos da obra. Finalmente, todo parece indicar que será a veciñanza de Marín quen vai poñer os cartos.

Convén salientar que os problemas do Parque de Castiñeiras non rematan coa reparación das grietas do lago e desde o BNG seguiremos esixindo a implicación da Xunta de Galiza para poñer fín ao abandono deste espazo. Cómpre lembrar que a Xunta é a gran responsábel do deterioro sufrido neste espazo coa súa inacción ou trasladando o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre a Cotobade, abandonando a aula da natureza, construíndo unhas instalacións que ían ser un parque biolóxico nas que se investiron mais de 300.000 euros e non se chegaron a utilizar...

No BNG insistimos na nosa aposta porque a Xunta se implique co Lago de Castiñeiras e mantemos a nosa proposta de creación dun foro no que participen a Xunta, Deputación, Concellos e comunidades de montes de cara a recuperar este fermoso espazo.

Lago de Castiñeiras: O PP, por fin, escoita as demandas do BNG e da sociedade marinense