A mocidade de Marín precisa unha Casa da Xuventude

Casa da Xuventude de Cangas
Casa da Xuventude de Cangas

O BNG presenta unha moción, que se debaterá no Pleno deste mércores, instando ao Goberno municipal a dar os pasos necesarios para dotar ao Concello de Marín dunha Casa da Xuventude, infraestrutura necesaria e que existe na meirande parte das cidades de Galiza, así como dos concellos cos mesmos habitantes que Marín.

A mocidade de Marín precisa unha Casa da Xuventude

A meirande parte das cidades de Galiza, así como dos concellos cos mesmos habitantes que Marín, posúen unha Casa da Xuventude. Sen lugar a dúbidas é o noso municipio un "rara avis" dentro do territorio galego por carecer dun local para a xuventude.

Desde Galiza Nova e o BNG consideramos a necesidade que ten o concello de dotarse dun lugar onde a mocidade poda desenvolver actividades e servizos axeitados as súas necesidades e intereses. Pode ser incluso a sede física da delegación de Xuventude da Concellaría pertinente. Un lugar para consultar, propoñer ou preguntar calquera dúbida que podan ter sobre os servizos e recursos ofertados por institucións públicas e privadas, como servizos de orientación ao estudantado, de emprego, sobre dinamización xuvenil, programa de subvencións, turismo xuvenil, asesoramento a asociacións xuvenís, voluntariado, etc. A Casa debe estar dotado de Salas, sobre todo de Reunións, de Exposicións, de Lectura, de Ensaio e Música e de Informática e Internete.

Para o BNG é un tema recorrente nos últimos anos. Non se nos pode negar a presentación de propostas para levar a cabo esta cuestión, no 2014 propuxemos a Casa de Crucita Gómez e no 2016 a reconversión da Casa do Mar nun Centro Cívico. Pese a todas estas propostas o Goberno Municipal permaneceu inmóbil e carente de solucións.

Desde o BNG consideramos que o Goberno Municipal de Marín, en mans do Partido Popular, ten que tomar cartas no asunto porque é necesario pois a xuventude non ten lugares axeitados onde poder desenvolver as súas necesidades e expresións.

O concello conta con edificios simbólicos e históricos que sería preciso recuperar e poñer en valor: Casa de Pais (coñecida tamén como Baladrón), Casa do Reloxo, etc, así como a adquisición de terreos para a construción dunha nova infraestrutura acorde aos intereses da mocidade. O problema está na falla de vontade política.

Por todo isto, o BNG insta ao Goberno Municipal de Marín para dotar ao municipio dunha Casa da Xuventude.