O BNG promove unha campaña en defensa do Lago e do Parque de Castiñeiras

Lago de Castiñeiras
Lago de Castiñeiras

Representantes municipais do BNG de Marín e Vilaboa, xunto co deputado nacionalista Luís Bará, reúnense hoxe no lago coas comunidades de montes para presentar diversas iniciativas para recuperar e poñer en valor este espazo paisaxístico, cultural e de lecer.

O BNG promove unha campaña en defensa do Lago e do Parque de Castiñeiras

Hoxe ás 19 h ten lugar no lago de Castiñeiras unha xuntanza convocada polo BNG coas comunidades de montes para avaliar a situación do parque, presentar as iniciativas parlamentarias para a súa mellora, e propoñer unha campaña de defensa dos valores ambientais, educativos, recreativos, culturais e turísticos do espazo. Na xuntanza participan as portavoces municipais do BNG en Marín e Vilaboa, Lucía Santos e Ornela Fernández Salgado, os responsabeis locais do BNG nos dous concellos, Xurxo Agra (Marín) e Adrián Blanco (Vilaboa), o concelleiro nacionalista en Vilaboa Carlos Acuña, o parlamentario Luís Bará e representantes das comunidades de montes en cuxos terreos se sitúa o parque.

Nesta xuntanza, Luís Bará presentará as iniciativas parlamentarias rexistradas no parlamento galego co obxectivo de denunciar a situación de deterioro e abandono por parte da Xunta de Galiza deste espazo emblemático, que foi durante décadas referencia para a educación ambinetal e o lecer. Nas propostas presentadas no Parlamento galego, o BNG demanda o cumprimento do convenio asinado en 2001pola Xunta de Galiza coa comunidade de montes de Vilaboa, actualmente en vigor, e que prevé un plan anual de investientos en traballos de mellora do espazo. Un convenio que non cumpre o goberno galego e que levou a actual situación de abandono e deterioro que sofre Castiñeiras: valado perimetral en mal estado e tirado polo chan, falta de conservación e de mantemento do arboredo, deterioro da lagoa artificial, deficiente sinalización, mal estado do mobiliario, deterioro dos camiños e sendas, zonas de mesas invadidas de maleza, inutilización da caseta destinada a baños públicos, etc.

Por outra parte, o BNG demandou información detallada sobre o suposto investimento de 300.000 euros por parte da Xunta de Galiza en Castiñeiras desde o ano 2009, cifra que aparece reflectida nunha resposta parlamentaria escrita a preguntas do BNG. As comunidades de montes afirman que non viron estes investimentos por ningún lado. Nos últimos anos, ademais das obras realizadas en 2016, que Luís Bará denominou Plan Zahorra porque consistiron básicamente na pavimentación de camiños (moitos deles xa deteriorados polas escorrentías), a principal actuación da Xunta de Galiza foi a decisión do traslado do Centro de Recuperación de Fauna Sivestre desde Castiñeiras a Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade. Unha decisión que pon clamaente de manifesto a desidia, desinterese e desprezo do goberno galego polo parque forestal de Castiñeiras.

CAMPAÑA DE DEFENSA DE CASTIÑEIRAS

O obxectivo da xuntanza de hoxe é presentar unha campaña reivindicativa en defensa do parque de Castiñeiras e da súa contorna. Unha iniciativa que pretende implicar principalmente á Xunta de Galiza, en colaboración cos concellos, a deputación provincial e as comunidades de montes, nun plan de conservación, mantemento, dinamización e promoción deste espazo de grande valor paisaxístico, pedagóxico, cultural e de lecer. Trátase en definitiva de frear o deterioro e abandono que sofre o parque e conseguir que recupere o esplendor que tivo no pasado, cando era lugar de visita, encontro, educación ambiental e lecer para miles de visitantes.

Para o BNG é fundamental que o Plan de actuación sobre Castiñeiras se complemente coa posta en valor da enorme riqueza patrimonial da contorna. Neste sentido, considera de especial interese o desenvolvemento do proxecto da Rota das mámoas do Morrazo, un itinerario de 7 km que conecta a Mámoa do Rei en Castiñeiras con Chan da Arquiña en Domaio. E tamén a conexión de Castiñeiras co Espazo Cultural e Natural dos Sete Camiños, nas parroquias de Salcedo e Lourizán (Pontevedra).

Como primeiro paso da campaña, está previsto convocar nas próximas semanas un roteiro reivindicativo en defensa do parque de Castiñeiras.