A Inclusión social e Benestar van ser unha prioridade para o BNG no Concello de Marín

O BNG entende que os Servizos Sociais son un dereito universal e, polo tanto, debemos garantir que os recursos sexan repartidos con criterios claros, con xustiza e que cumpran os obxectivos para os que son destinados

A Inclusión social e Benestar van ser unha prioridade para o BNG no Concello de Marín

O BNG entende que os Servizos Sociais son un dereito universal e, polo tanto, debemos garantir que os recursos sexan repartidos con criterios claros, con xustiza e que cumpran os obxectivos para os que son destinados.

As políticas de recortes sociais e contención do déficit público promovidas polo Partido Popular desde a Xunta provocaron o deterioro dos servizos sociais e incrementaron a desatención das persoas máis necesitadas. Foron un instrumento para fomentar a privatización, transformando unha prestación que debía ser universal nun negocio.

A crise económica e o envellecemento da poboación fan necesario incrementar os orzamentos en servizos sociais para mellorar a atención e dar cobertura a todas as persoas que o precisen.

Os servizos sociais son unha cuestión de dereito a vida digna, polo tanto non poden depender da circunstancias particulares de cada Concello, senón que todos os galegos e galegas deben poder gozar dos mesmos recursos e recibir a mesma atención, independentemente do lugar de residencia. É por iso que demandaremos da Xunta da Galiza o cumprimento das súas obrigas como administración competente na atención social no conxunto do País.

A actuación do BNG articularase na aplicación de medidas concretas por parte do Concello e a demanda dunha maior implicación da Xunta

Exixiremos un Plan de emerxencia social para Galiza co obxectivo de paliar a grave situación de pobreza existente. O Plan incluirá medidas efectivas de natureza económica como o cumprimento dos prazos para o cobro da RISGA ou programas de vivenda efectivos que garantan que ningunha persoa ou familia será desafiuzada da súa vivenda.

Consideramos fundamental e necesaria a ampliación da rede de escolas infantís que deberán ser de xestión pública e integramente financiadas pola Xunta, para garantir a universalidade da prestación do servizo e o uso da nosa lingua.

É urxente a creación de centros de día e residencias comarcais para persoas dependentes, exixindo da Xunta o seu financiamento e xestión pública.

No ámbito municipal, desde o BNG

 

  • Promoveremos e fomentaremos a plena inclusión social das persoas que viven en Marín, mediante programas e actividades que fomenten esta inclusión.

  • Levaremos a cabo un Plan de envellecemento activo destinado ás persoas maiores, que se desenvolverá tanto no centro de Marín coma nas parroquias. Realizar un programa de asesoramento e formación para coidadores/as de persoas en situación de dependencia.

  • Deseñaremos e poremos en marcha un plan de intervención comunitaria.

  • Potenciaremos o Centro de Información á Muller, Crearemos un consello municipal pola igualdade de xénero do concello de Marín dado o alto porcentaxe de mulleres maltratadas no concello de Marín, sendo a porcentaxe máis alto de todo o Morrazo. Garantiremos a información as mulleres vítimas de violencia de xénero e o seu entorno sobre que facer en caso de maltrato: recursos e dereitos das vítimas en materia de emprego, servizos sociais, axudas económicas, recursos de información, de asistencia e de acollida para vítimas de este tipo de violencia.

  • Poremos en marcha campañas que fomenten a igualdade.

  • Promoveremos programas de envellecemento activo e achegaremos a actividade deportiva ás persoas maiores.