O Concello de Marín despreza o Día de Rosalía de Castro

Mentres centos de concellos celebraron o Día de Rosalía con diferentes actos, Marín, baixo o goberno do Partido Popular de María Ramallo, deixou pasar o Día de Rosalía sen pena nin gloria, incumprindo un acordo do Pleno municipal de marzo do 2017

 

O Concello de Marín despreza o Día de Rosalía de Castro

O pasado 24 de Febreiro centos de concellos celebraban con Alboradas e “Caldos de Gloria” (Iniciativa da Fundación de Rosalía de Castro) o Día de Rosalía, a nosa egrexia Poeta Universal que xa conta cunha estrela no ceo co seu nome!

Mais Marín, baixo o goberno do Partido Popular de María Ramallo, deixou pasar o Día de Rosalía sen pena nin gloria, incumprindo un acordo do Pleno municipal de marzo do 2017 que contiña os seguintes tres puntos:

  1. Institucionalizar o Día de Rosalía no Concello de Marín.

  2. Emprender e apoiar actividades e promoción da obra da nosa escritora.

  3. Realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello.

Malia este acordo do Pleno da Corporación municipal, o goberno do PP de María Ramallo limitouse a depositar un ramo de flores diante da placa en homenaxe á escritora na Alameda que leva o seu nome, un ridículo acto que pon de manifesto tanto a súa falta de consideración cara a cultura e lingua galega, máis alá de poses varias, como encara os acordos aprobados no Pleno da Corporación municipal.

A ese acto non foi invitado nadie, nin institucións e entes vivas nin representantes municipais. Foi un episodio para facer o paripé, menosprezando a figura de Rosalía.

Mais que podemos agardar de quen vota unha e outra vez no Pleno da Corporación municipal en contra de iniciativas para a promoción da nosa lingua? Que podemos agardar de quen impulsou como unha das primeiras medidas no comezo do seu mandato en 2011 a substitución do nome da Rúa Rosalía de Castro para volver poñerlle o nome do militar Jaime Janer?

Vai agora o PP a render homenaxe á nosa poeta pioneira na denuncia pola igualdade de xénero? Non! Ao Partido Popular non lle interesan as homenaxes a Rosalía, á Rosalía real, afastada da imaxe errónea e manipulada que a caracterizou durante moito tempo como muller melancólica e chorona, a escritora que denuncia a inxustiza cara o pobo galego, a reivindicación do noso idioma, a traxedia da emigración… Tantos dramas que lamentabelmente 183 anos despois do nacemento de Rosalía de Castro seguimos padecendo na nosa Terra.

Dende o BNG solicitamos ao goberno do Partido Popular o respecto que merecen tanto a figura de Rosalía, a lingua como a cultura galega así como os acordos acadados pola corporación municipal e se deixen de poses de cara á galería.