Campaña contra a estafa da tarifa da luz

O espolio da nosa enerxía saenos moi caro
O espolio da nosa enerxía saenos moi caro

Este domingo día 3 de febreiro o BNG de Marín colocará unha mesa na Alameda Rosalía de Castro a partir das 12:00h. para recoller sinaturas contra o tarifazo da luz, no marco da campaña nacional que o BNG está a levar a cabo nas últimas semanas para denunciar o alto incremento do recibo da luz en Galiza.

Campaña contra a estafa da tarifa da luz

Este domingo día 3 de febreiro o BNG de Marín colocará unha mesa na Alameda Rosalía de Castro a partir das 12:00h. para recoller sinaturas contra o tarifazo da luz, no marco da campaña nacional que o BNG está a levar a cabo nas últimas semanas para denunciar o alto incremento do recibo da luz en Galiza. Con esta campaña o BNG pretende denunciar a estafa que os galegos e as galegas pagamos pola factura da luz e busca dar a coñecer as razóns de fondo polas que os galegos e galegas pagaremos o recibo da luz máis caro do Estado español.

A enerxía debe ser entendida como un ben público e a política enerxética debe desenvolverse en base a esta consideración, superando a concepción actual como unha mera mercadoría legalizada polos gobernos centrais de PP e PSOE. Do mesmo xeito, o subministro de enerxía debe ter a concepción de servizo público e o seu acceso debe ser un dereito garantido para todas as persoas por riba dos intereses económicos do oligopolio eléctrico. Porén, na actualidade, o sistema funciona en liñas totalmente contrarias a estes principios, favorecendo un prezo final da enerxía eléctrica imposíbel de soportar para moitos fogares e tamén para o tecido económico e produtivo de Galiza. O aumento do recibo da luz resposta a decisións políticas tomadas polos gobernos español e galego.

Galiza é un país produtor de enerxía, e vítima do espolio enerxético das eléctricas, que non nos libra da suba xeral da electricidade, cun incremento na última década do 80 por centro e un 9% no último ano. Unha auténtica estafa para os galegos e as galegas, que agrava unha situación na que os galegos e galegas percibimos os salarios e pensións máis baixas do estado.

Pagamos o IVE máis alto de toda Europa e foi o Partido popular e Raxoi, á cabeza, o que modificou a contía, pasando do 18% ao 21%. E agora, o denominado “goberno de cambio de Sánchez” continúa negándose a reducilo. Neste sentido, dende o BNG, propoñemos que a luz eléctrica, como ben básico, non soporte un IVE tan alto polo que reclamamos a súa redución ao 4%. O Goberno do Estado rebaixou o IVE ás touradas ao 10% pero nós pagamos o 21% do IVE.

Mais por se isto non fora pouco, coas novas medidas do goberno central os galegos e galegas pagaremos a factura máis alta de todo o estado, a pesar de seren exportadores de electricidade. O Goberno central está ultimando o recargo dos suplementos territoriais e de 111 M€ que serán recadados en todo o estado, Galiza deberá abonar 38M€. Madrid, que non produce electricidade e vive da que nos producimos só pagará 2 Millóns de euros. Isto non é normal nin é xusto porque temos un país inzado de encoros que non están a reverter para Galiza ningún beneficio.

E neste contexto temos unha Xunta de Galiza gobernada polo PP que destaca por unha absoluta inacción neste ámbito.

Nesta situación, no BNG non imos ficar calados e caladas. Cómpre reducir o IVE ao 4%, que Galiza non sexa incluída na orde do Goberno central sobre os suplementos territoriais e unha tarifa eléctrica galega que beneficie ao noso país polo seu papel produtor.

O BNG de Marín presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación municipal de decembro do ano pasado, mais o PP e o PSOE votaron en contra destas propostas no Parlamento galego. E agora instalaremos unha mesa para recoller sinaturas contra un problema que afecta a toda a sociedade e debemos enfrontarnos a el para que non se agrave máis.

Somos unha potencia produtora de enerxía eléctrica, padecemos os custes económicos, sociais  e medioambientais, surtimos a outras zonas e industrias do estado coa nosa electricidade  e sen embargo, cada unha e cada un de nós somos obrigados a pagar as facturas da luz máis altas de todo o Estado español, no que supón un exemplo claro de manual do colonialismo.

Campaña contra a estafa da tarifa da luz