O BNG solicitará a convocatoria da Xunta de Portavoces para tratar a situación da Sanidade pública en Marín

Unha vez máis o Punto de Atención Continuada de Marín quedou este domingo pasado cun só médico cando tiñan que estar dous

A política de recortes e privatizacións da sanidade pública do PP pon en perigo a vida das persoas

O BNG solicitará a convocatoria da Xunta de Portavoces para tratar a situación da Sanidade pública en Marín

Unha vez máis o Punto de Atención Continuada de Marín quedou este domingo pasado cun só médico cando tiñan que estar dous. Desde as 10 ás 22 horas os e as pacientes estiveron atendidas por un único profesional sanitario cando tiñan que estar dous. Este feito, que non foi illado, vense repetindo frecuentemente e aconteceu en varias localidades próximas como A Parda (Pontevedra), Baltar (Sanxenxo) ou Caldas.

Da se a circunstancia que os profesionais sanitarios de Caldas tiveron que acompañar ao hospital a un paciente ao que lle dera un ictus, deixando o Punto de Atención Continuada de Caldas sen asistencia até que foi cuberto por outro profesional desprazado do PAC de A Parda en Pontevedra.

A política de recortes e privatizacións da sanidade pública do PP pon en perigo a vida das persoas.

Esta situación repítese sistemáticamente sen que o Sergas faga nada por darlle solución, provocando o aumento dos tempos de espera nos servizos de urxencias dos centros de saúde e a masificación das urxencias hospitalarias.

A todo isto hai que sumarlle as listas de espera para que os veciños e veciñas de Marin sexan atendidos polos médicos de cabeceira en Atención primaria, o atraso nas citas con especialistas e a falta de pediatras en case todos os centros de saúde.

Botamos en falta as xestións do concello ante o “goberno amigo” para solucionar este problema, aínda que os feitos demostran que o PP local avala o proceso de desmantelamento da sanidade galega. Como xa fixeron coa perda da ambulancia durante as 24 horas.

A política de aforro e recortes que ven aplicando o goberno do PP desde a chegada de Feijoo á presidencia coloca a sanidade galega nunha situación de precariedade. Cada certo tempo, cada vez con máis frecuencia, somos coñecedores de novas alarmantes sobre o deterioro da asistencia sanitaria. Recortes de persoal, deterioro de infraestruturas, ou a privatización de servizos e instalacións.

Lembrar que os traballadores e traballadoras dos PAC de Galiza levan varios meses de folga indefinida para demandar a solución a todos estes problemas sen que o Sergas fixera nada até hoxe.

Desde o BNG consideramos que a asistencia sanitaria en Marín non pode continuar nesta situación e demandamos, como xa fixemos no parlamento galego, unha maior dotación de medios materiais, económicos e humanos por parte do Sergas.