O BNG solicita a retirada do proxecto de Zona Azul

No pleno municipal de Marín que se celebrará este xoves, no que se levará a debate a aprobación da ordenanza reguladora de estacionamento en horario limitado, dende o BNG solicitaremos unha vez mais a retirada da proposta de ordenanza municipal.

O BNG solicita a retirada do proxecto de Zona Azul

No mes de xuño presentamos unha serie de enmendas e solicitamos a retirada do proxecto e seguimos vendo como errónea esta proposta xa que non resolve os problemas de tráfico e aparcamento que se veñen arrastrando dende hai anos. Esta idea é unha nova mostra da falta dun modelo de proxecto por parte do goberno local que sae cunha nova ocurrencia improvisada sen estudar as consecuencias negativas que pode acarrear para Marín.

A proposta do Goberno Municipal non vai acompañada da creación de novas zonas de aparcamento disuasorio, polo que castiga aos veciños da vila de Marín que non teñen onde aparcar por carecer de praza de garaxe, hai que ter en conta que moitas edificacións carecen deste tipo de instalacións polo que a demanda é maior que a oferta de prazas de aparcamento.

A implantación de zona azul obrigará a que as persoas usuarias das zonas de aparcamento existentes, tanto a veciñanza como as persoas que veñen traballar dende outros concellos, teñan que buscar novas zonas onde aparcar o coche levando o problema de tráfico a outros lugares, en caso de atopalos, xa que nos últimos meses o goberno municipal levou a cabo obras de eliminación de prazas de aparcamento. As persoas que se desplazan a Marín por traballo non poden estar cada dúas horas movendo o seu vehículo e a veciñanza que teña que desplazanse á vila para realizar xestións terá que facelo nese tempo limitado.

En canto a dinamización do comercio e hostalería, entendemos que afectará negativamente, para potenciar o comercio local é preciso mellorar a súa contorna, crear espazos peonís e facer de Marín un lugar mais cómo e atractivo e con esta proposta van favorecer o movemento de coches creando maior densidade do tráfico.

Por todo isto, solicitamos ao goberno municipal que retire este proxecto e traballe noutras alternativas que sexan beneficiosas para Marín e a súa veciñanza.

O BNG solicita a retirada do proxecto de Zona Azul