O BNG solicita a modificación da Lei de Portos de Galiza

Porto de Marin
Porto de Marin

O BNG presenta unha moción para o seu debate no Pleno da Corporación para instar á Xunta á modificación da Lei de Portos de Galiza.

O BNG solicita a modificación da Lei de Portos de Galiza

Galiza conta cunha gran cantidade de portos e instalacións portuarias, entre eles o Porto de Aguete, e ten a densidade portuaria máis alta da península ibérica , que fan que o sector portuario galego sexa un sector estratéxico cun gran potencial e que até agora, desde que en 1981 o Estatuto contemplara a competencia exclusiva no sector e deixando a un lado de maneira aberrante aos portos de interese xeral, non foi aproveitada.

A pesares destas características, o sistema portuario galego non foi regulado por unha lei específica ate que o ano pasado aprobouse a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galiza. Despois de terse feito agardar tantos anos, resultou decepcionante, pois non respondeu nin as expectativas nin as necesidades deste sector estratéxico, e ademais estase a demostrar prexudicial para o futuro do sector portuario galego.

Esta lei, destaca polo seu claro afán recadatorio e por terse realizado de costas ás entidades locais. Son moitos os concellos que na actualidade están a expresar o seu malestar polas abusivas tarifas que Portos de Galiza está a cobrar pola realización de actividades no espazo público portuario, que, ao cabo e na maioría dos casos é un espazo totalmente integrado no espazo urbano do concello e son as propias entidades locais as que se encargan do mantemento do espazo, da recollida do lixo, etc. Neses espazos realízanse múltiples actividades plenamente inseridas na dinámica social local, como festas, eventos deportivos ou mercados que deben pagar unhas abusivas taxas a Portos de Galiza para poder realizarse.

A meirande parte delas realízanse en espazos urbanos que, a pesares de estar baixo a xestión de Portos de Galiza, nada teñen que ver coa actividade portuaria. Así, existen espazos como alamedas ou paseos plenamente integrados no entramado urbano local, e que, principalmente debido a recheos, forman parte de Portos de Galiza sen que exista unha razón obxectiva para que así sexa, xa que logo, consideramos que a titularidade destes espazos debería ser transferida aos concellos.

De cara a paliar a nula participación dos concellos nas decisións relativas ás materias que resulten de relevancia tanto para o concello como para Portos de Galiza, propoñemos a creación do Órgano de Coordinación Portuario Municipal de Marín, onde estarán representados tanto o goberno local como Portos de Galiza. Este órgano, que reclamamos para todo o País Galego, sería o encargado de articular as relacións entre a administración portuaria e as administracións municipais cuxos concellos dispoñan de porto, mediante a toma de decisións conxunta nas materias que resulten de relevancia para ambas administracións.

Por último a citada lei contempla un abusivo réxime de prohibicións e sancionador que cremos necesario modificar, en especial no referido ao baño e a pesca, actividades que deberían quedar eximidas destes citados réximes. Consideramos que a pesca deportiva debería quedar excluída da prohibición que rexe sobre o desenvolvemento de actividades marisqueiras e pesqueiras nas augas interiores do porto constitutivas da denominada “zona I”.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG en Marín solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

O pleno do Concello insta á Xunta de Galiza a realizar as modificacións lexislativas oportunas de xeito que:

  1. As autorizacións para instalacións de lecer e similares propostas polas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, non lles será de aplicación os artigos 59, 60, 61, 62, 63 e 64 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galiza, de xeito que ditas entidades queden exentas do pago das taxas pola realización de actividades no denominado dominio publico portuario tanto a administracións locais como a entidades sen ánimo de lucro.

  2. Se cree o Órgano de Coordinación Portuario Municipal de Marín, así como no resto de municipios afectados, como instrumento de participación institucional e social en materia de portos, onde estarán representados tanto o goberno local como Portos de Galiza.

  3. Se leve a cabo un procedemento entre Concellos e Portos de Galiza -previa solicitude do concello interesado-  co obxecto de transferir a titularidade aos Concellos dos espazos de dominio público portuario que estean integrados nos cascos urbanos das vilas e cidades e que non teñan uso portuario.

  4. Se modifique o réxime sancionador contemplado na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galiza, de cara a reducir as abusivas sancións que esta contempla, e nomeadamente suprimir do réxime sancionador as actividades de bañarse ou mergullarse nas augas interiores do porto e pescar desde os peiraos ou con calquera tipo de arte nas dársenas e augas portuarias, cando iso non estea expresamente autorizado.

  5. Se exclúa á pesca deportiva da prohibición que rexe sobre o desenvolvemento de actividades marisqueiras e pesqueiras nas augas interiores do porto constitutivas da denominada “zona I”.