O BNG solicita melloras no Arquivo Municipal de Marín

Arquivo Municipal
Arquivo Municipal

O BNG presenta unha moción solicitando melloras para o Arquivo Municipal de Marín, como unha nova sede e a dotación de persoal técnico para a custodia e tratamento da documentación.

O BNG solicita melloras no Arquivo Municipal de Marín

Segundo a normativa o Arquivo Municipal é unha dependencia do Concello formado polo conxunto de documentos que xerou e xera o organismo municipal no transcurso da súa xestión, conservados e organizados polos propios administradores. O conxunto destas accións están encamiñadas á conservación, organización e disposición pública dunha parte esencial do patrimonio cultural do concello, paralizando o proceso de destrución e contribuíndo de forma destacada ao seu uso e aproveitamento, tanto no diario funcionamento da administración como na investigación histórica e na información aos/ás cidadáns/ás.

A lexislación estatal e autonómica referida ao Patrimonio Documental e Arquivos establece unha serie de dereitos e obrigas das administracións locais en materia de arquivos. Do conxunto de servizos municipais, o Arquivo Municipal é o órgano especializado do Concello na xestión, tratamento e custodia da documentación. Desta responsabilidade, as funcións do Arquivo Municipal abarcan tanto o ámbito da xestión administrativa como a da actuación cultural e para podelas desenvolver convértense en elementos indispensábeis a protección, ordenación, inventario e custodia.

Por outra banda, o dereito que a lexislación concede aos/ás cidadáns/ás respecto ao acceso á información converten ao Arquivo Municipal nun servizo público que ten que ser garantido polo Concello. É polo tanto responsabilidade municipal tanto a axeitada custodia do seu patrimonio documental como facer accesíbel aos/ás usuarios/as e á mesma Administración.

A normativa que afecta aos arquivos municipais é ben ampla: Real Decreto 307/1989, Lei Reguladora de Bases de Réxime Local (LRBRL) 7/1985, Lei 7/2014 de 26 de setembro de Arquivos e Documentos de Galiza, etc. Da última Lei citada é de interese os artigos 5, 6, 14, 15, 16 e 18 dado que falan da documentación de titularidade pública, do persoal que deben contar, das infraestruturas e orzamentos e das funcións dos arquivos.

Unha vez visto a normativa lexislativa obsérvase as carencias que o denominado Arquivo Municipal de Marín ten na actualidade: Os fondos documentais están en tres dependencias distintas, coa correspondente dificultade de control e mantemento, sen persoal fixo e cualificado, sen instalacións apropiadas para a conservación, sen accesibilidade para a consulta de cidadáns/ás e investigadores, sen acceso ás novas tecnoloxías de información.

A produción documental dos últimos anos provocou que a día de hoxe non haxa espazo de almacenamento e non se poden facer procesos de incoporación documental.

Mais o Arquivo pode ter máis funcións adicionais dado que pode abranguer fondos privados e coleccións relacionadas con Marín, crear un sección audiovisual, etc.

Dignifiquemos os dereitos da cidadanía, a nosa historia e a propia calidade asistencial do Concello de Marín facilitando o acceso á documentación arquivística municipal cunha sede digna e con profesionais axeitados.

Por todo isto, o BNG de Marín SOLICITA

1. Que o Concello de Marín adquira un local (ou terreo para edificar) como sede única do Arquivo Municipal de Marín. Un local único que englobe todos os depósitos, dotándoo das instalacións e equipamentos precisos e conforme á legalidade no que se poida custodiar a totalidade dos fondos, teña espazo de tratamento e consulta, así como de novas transferencias documentais.

2. Que o Concello de Marín dote de persoal técnico, debidamente capacitado para a súa custodia e funcións técnicas: recepción da documentación, clasificación, ordenación, descrición, instalación e servizo á propia Administración e aos/ás cidadáns/ás, e para a investigación, como sinala o artigo 14 da Lei 7/2014 de Arquivos e Documentos de Galiza.

3. Que o Concello de Marín solicite a actuación gratuíta da Deputación de Pontevedra para a asistencia técnica de administración en materia de patrimonio documental para difundir o patrimonio conservado e organizado.