O BNG de Marín presenta o primeiro tramo da candidatura nun Museo Manuel Torres ateigado que quedou pequeno

50636616_2133082550337301_5050828729178128384_n
Presentación Candidatura BNG Marín - Foto: Helena Ayape

Lucía Santos Omil afirma que “ante o desgoberno do PP, o BNG é a alternativa seria e coherente”

 

Fotografías do acto: https://facebook.com/story.php?story_fbid=1601890736624421&id=699926370154200

O BNG de Marín presenta o primeiro tramo da candidatura nun Museo Manuel Torres ateigado que quedou pequeno

O BNG de Marín presentou esta mañá as caras que van ocupar os dez primeiros postos da candidatura coa que afrontará as eleccións municipais de maio, nun acto presentado por Tino Iglesias e que contou coa intervención musical do grupo local “Satxa” e as intervencións de Lucía Santos (candidata á alcaldía) e Ana Miranda (eurodeputada e cabeza de lista nas eleccións europeas deste ano). Nos últimos meses o BNG de Marín compaxinou o traballo institucional cun intenso contacto coa veciñanza, e así foi configurándose unha candidatura con moitas caras novas e moita xuventude, combinada coa experiencia de persoas que levan décadas de traballo nas súas costas.

 

Ana Miranda destacou o importante traballo que o BNG leva a cabo para mellorar a calidade de vida da xente e manifestou a súa satisfacción porque unha muller nova como Lucía Santos encabece a lista do BNG de Marín e a súa convicción de que é a mellor candidata para o BNG e para Marín.

 

Na súa intervención destacou o importante papel que o BNG leva a cabo nas institucións, sexan os concellos, no parlamento galego, nas Cortes, onde lembrou que a falta de representación do BNG está a facer que Galiza permaneza ausente dos debates importantes que se tratan no Estado, ou no Parlamento europeo, levando numerosos temas e problemáticas que afectan a vida dos e das galegos e galegas.

 

A candidata á alcaldía de Marín polo BNG, Lucía Santos, amosou no seu discurso a súa tremenda preocupación pola negativa dinámica que padece o noso concello, enumerando unha serie de importantes problemas que afectan á calidade de vida da veciñanza, e sinalando que “no BNG, e cada día máis marinenses, somos conscientes de que o PP é un lastre para Marín”.

 

A candidata fixo un resumo dos 8 anos de goberno de María Ramallo sinalando que “o Partido Popular ten demostrado sobradamente carecer dun proxecto para Marín e amosa unha parálise total e falta de vontade política e de iniciativa, polo que non afronta, nin afrontará, os problemas estruturais existentes en Marín”. Lembrou tamén que o goberno do PP “tampouco destaca pola defensa dos intereses de Marín, subordinándoos aos intereses do seu partido en Compostela, e destaca por unha manifesta incapacidade na xestión dos asuntos de trámite aos que ten que facer fronte”. E por último sinalou que é “un goberno ancorado na pasividade que tan só actúa por reacción”.

 

Lucía Santos afirmou que “o desgoberno do PP ten a súa máxima expresión na dramática perda de poboación do noso concello, baixando por primeira vez en moitas décadas dos 25.000 habitantes. Todos os concellos da nosa contorna gañan poboación agás Marín. Entre 2010 e 2018, coincidindo coa chegada do PP ao goberno municipal en 2011, Marín perdeu 1635 habitantes, o 6,29% da poboación”, presentando “os peores datos dos concellos da nosa contorna, mais non só iso, temos os peores datos de todos os concellos galegos de entre 20 e 50000 habitantes”. “Os datos falan por si mesmos. Que todos os concellos do noso arredor medren e Marín non non é causa do azar, é a consecuencia dun goberno incapaz, sen proxecto e á deriva. O PP é o responsábel da decadencia de Marín.”

 

A actual portavoz municipal concluiu que “Marín sufre unha política de parcheo e de lavado de cara superficial. Un goberno que é todo apariencia. Un goberno “fachada” que debaixo dos sorrisos e as boas palabras agocha unha absoluta falta de proxecto e capacidade para xestionar un concello como o noso. Un goberno que non fixo nada cando os seus grandes amigos Mariano Rajoy e de Ana Pastor ocupaban o goberno do Estado, polo que non podemos agardar a que vaian facer algo agora. A María Ramallo e ao PP este traxe quédalle moi, moi grande”.

 

A continuación destacou que “o BNG é a alternativa seria e coherente ao desgoberno do PP”, e que “Marín precisa un tempo novo e fuxir das rutinas e deixadez do actual goberno local. E ese tempo novo só pode chegar da man do BNG”, lembrando que “o BNG é o grupo municipal que máis propostas leva a Pleno, consecuencia dun intenso traballo no que percorremos o noso concello e falamos coa veciñanza tratando de resolver os problemas da xente” e continuou a súa intervención avanzando as liñas mestras do proxecto co que aspira a construir “un Marín cun horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades.”

 

Lucía Santos afirmou que co BNG ten “Marín terá un goberno activo e dinámico co obxectivo de facer un Marín mellor e mellorar a calidade de vida da veciñanza, baseado na recuperación da autoestima e o orgullo de ser de Marín. Temos un proxecto co foco posto na necesaria reforma urbana, abrindo Marín ao mar e mellorando a conexión da vila co entorno natural, tanto cara as praias como cara o lago de Castiñeiras ou Pontevedra, aproveitando á cercanía dunha cidade como Pontevedra na que viven 85.000 persoas, enfocándoo como unha oportunidade e non como un condena, poñendo ás persoas en primeiro plano, rehabilitando e protexendo o noso patrimonio, promovendo o dinamismo socioeconómico, ofrecendo alternativas a xuventude, presentando propostas para o rural e cun forte compoñente das políticas sociais. Un conxunto de políticas que fagan que os e as marinenses se sintan orgullosos do seu concello, que atraia xente doutros lugares e que permita reverter a preocupante tendencia que amosa o noso Concello.”

 

A candidata destacou que “no BNG temos un modelo de política municipal - o modelo BNG -, contrastado e recoñecido, un modelo de prestixio premiado internacionalmente, que mellora a vida das persoas e transforma a mellor as nosas vilas e cidades”. E nas vindeiras eleccións imos ofrecerlle á veciñanza de Marín a “realidade demostrada polos Concellos do BNG. A realidade de Pontevedra, referente mundial, mais tamén a de Allariz, Bueu, Rianxo, Carballo, Ribadeo, Tomiño, Moaña… e tantos outros concellos do BNG que son un exemplo. No BNG sabemos facer as cousas.”

 

Lucía Santos incidiu en que os e as marinenses non podemos “asumir a perda de peso e de poboación de Marín. Marín ten enerxía e potencia dabondo”. E proseguiu lembrando que “a política municipal do BNG é por definición transformadora. Cambia os concellos, fainos máis habitábeis e á medida das persoas, muda dinámicas, crea autoestima, aumenta o desenvolvemento e o benestar. Nos concellos onde o BNG goberna a veciñanza está orgullosa do seu concello. Quérelle, gústalle vivir nel e séntese parte da súa transformación a mellor, porque o é.”

 

No tramo final do seu discurso a candidata destacou que “o BNG é unha forza política á alza, e a propia sociedade percibe que imos a máis. Nos últimos tempos acometimos unha necesaria renovación, con moitas caras novas, con moita xuventude, e estamos trasladando unha imaxe fresca, aberta e dinámica que a veciñanza demandaba e está a valorar.”, polo que concluíu sinalando que “hai motivos para soñar”.

 

E xa para finalizar Lucía Santos presentou os membros do primeiro tramo da candidatura, que estará conformada por:

 

1.- Lucía Santos Omil

2.- Pedro Cortegoso Gago

3.- Jessica Souto Loira

4.- Xurxo Agra do Pazo

5.- Pamela Martínez Cortegoso

6.- Pablo Blanco Agraso

7.- Cristina Sobral Villanueva

8.- Daniel Rosales Rivas

9.- Tania Garrido González

10.- Celso Milleiro Sánchez

 

E rematou “No BNG estamos traballando arreo, con moito optimismo, corrixindo erros e achegándonos á veciñanza para ofrecerlle un proxecto ilusionante. A alternativa ao desgoberno do PP é o BNG” prometendo “traballo duro, un proxecto contrastado e o firme compromiso de que en maio iremos a por todas. Porque sabemos que de nós, do noso traballo, da nosa entrega, vai depender que Marín poña fin a súa decadencia e poida iniciar unha nova xeira de dinamismo e prosperidade.”

O BNG de Marín presenta o primeiro tramo da candidatura nun Museo Manuel Torres ateigado que quedou pequeno