O BNG esixe ao goberno municipal axilidade para solucionar os problemas de aparcamento

Obras Avenida Ourense
Obras Avenida Ourense

Desde o BNG de Marín non somos quen de entender como o grupo de goberno do PP non buscou solucións con antelación ao comezo das obras na Avda. de Ourense que ofreceran alternativas á redución de prazas de estacionamento, amosando unha importante falta de previsión.

Desde hai uns días tratar de aparcar en Marín converteuse en todo un exercicio de paciencia que pon a proba tanto a destreza e habilidade dos/as condutores/as como a súa capacidade para manter a calma.

O BNG esixe ao goberno municipal axilidade para solucionar os problemas de aparcamento

Nos últimos anos a vila de Marín non ven destacando precisamente pola facilidade para atopar lugares onde estacionar os vehículos. Esta carencia de zonas de aparcamento veuse aumentada nos últimos tempos por dous factores clave, como son o aumento do parque móbil e a redución de lugares de estacionamento como consecuencia de certas actuacións urbanas.

Ante esta crecente dificultade para estacionar os vehículos na nosa vila, as solucións aportadas polo grupo de goberno do PP foron a todas luces insuficientes e pouco idóneas, baseándose estas na disponibilidade dun par de zonas situadas nas rúas José del Río e República Arxentina e na conversión da barriada Virxe do Carme nun gran aparcadoiro que, amais de non solventar o problema do aparcamento, causa un importante prexuizo na calidade de vida da veciñanza, ao ter que convivir a diario con centos de coches que percorren a barriada para atopar un lugar onde deixar o seu vehículo.

Co inicio das obras do colector na Avda. de Ourense vense de reducir aínda máis o número de lugares onde estacionar, ao permanecer pechado un tramo importante desta avenida e polo peche dunha das zonas de aparcamento situada na República Arxentina, destinado a gardar a maquinaria da empresa que está a levar a cabo as mencionadas obras. A isto hai que engadir a coincidencia no tempo con actuacións nas rúas do Inferniño e José del Río. Deste xeito, a tradicional dificultade para atopar lugares onde estacionar veuse incrementada de xeito exponencial nos últimos días, provocando un crecente e importante malestar na cidadanía.

Desde hai uns días tratar de aparcar en Marín converteuse en todo un exercicio de paciencia que pon a proba tanto a destreza e habilidade dos/as condutores/as como a súa capacidade para manter a calma.

Desde o BNG de Marín non somos quen de entender como o grupo de goberno do PP non buscou solucións con antelación ao comezo das obras na Avda. de Ourense que ofreceran alternativas á redución de prazas de estacionamento, obras que por outra banda estaba previsto comezaran no mes de setembro. Agora atopámonos no mes de novembro, coas obras comezadas, e sen solucións.

No Pleno da Corporación Municipal celebrado o pasado mércores 14 de novembro, desde o BNG xa manifestamos a nosa incomprensión ante esta enorme falta de previsión. Segundo a alcaldesa, María Ramallo, o grupo de goberno está a traballar agora na procura de alternativas, mais no BNG cremos que estas xestións debían terse realizado antes do mes de setembro, que era cando estaba previsto o comezo das obras, e non agora que xa comezaron e nos atopamos con importantes problemas de tráfico, polo que desde o BNG exiximos ao goberno municipal axilidade á hora de procurar solucións a esta importante falta de previsión.

Por outra banda, desde o BNG consideramos que o problema do aparcamento, máis alá desta situación concreta, debe ser tomado dunha vez por todas con seriedade, polo que consideramos necesaria a elaboración dun estudo técnico que permita ofrecer solucións aos tradicionais problemas para estacionar na nosa vila.

O BNG esixe ao goberno municipal axilidade para solucionar os problemas de aparcamento