O BNG demanda melloras na Sanidade Pública

Moción Sanidade Pública
Moción Sanidade Pública
Esta mañá representantes do BNG de Marín (Lucía Santos, Pedro Cortegoso, Jessica Souto e Cristina Sobral) entregaron no rexistro do Concello de Marín unha moción reclamando melloras na Sanidade Pública, como o restablecemento da ambulancia 24 horas, 2 prazas estábeis de Fisioterapia ou o prometido servizo de Radioloxía, entre outras demandas.
O BNG demanda melloras na Sanidade Pública

Un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega é o gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é o resultado dos graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.

Marín é un dos concellos onde a situación da Atención Primaria é alarmante dado que nos últimos anos non se fixo nada máis que arrexuntar os dous centros sanitarios nun novo. Mais como é público e notorio a edificación naceu con moitas deficiencias e defectos, moitos deles aínda non subsanados, incumprimentos de promesas como o Servizo de Radioloxía, de Farmacia ou de máis persoal que mellore a calidade asistencial. Ademais as políticas do PP contra a sanidade pública marinense veuse gravemente danada coa eliminación do servizo de ambulancias 24 horas.

A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade.

Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas. Durante os últimos nove anos, o PP, con Nuñez Feixóo á cabeza, impulsou todo tipo de medidas que afondaron neste desmantelamento: redución de orzamentos, de centos de profesionais, de máis de 700 camas, privatización masiva de servizos, deriva-cións de doentes a centros privados...

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019 destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros.

As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas aban-donadas durante horas, PACs ao limite...

Hai unanimidade entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais, doentes... en denunciar o grave deterioro que están provocando as políticas sanitarias do Partido Popular, e en que non estamos na fase de grupos de traballo, nin de enquisas virtuais, nin de auditorías. Estamos na fase de asumir responsabilidades e rectificar os recortes e as privatizacións.

Estamos nun momento crítico, onde a Xunta ten que dar explicacións e asumir as súas responsabilidades, ante uns feitos de máxima gravidade e rectificar.

Por iso, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Marín a adopción dos seguintes

ACORDOS

1. O Pleno do Concello de Marín insta á Xunta de Galiza a:
- Cubrir as baixas de longa duración dos profesionais sanitarios.
- Restablecemento do servizo de Ambulancias 24 horas.
- Dotación de 2 prazas de carácter estábel de Fisioterapeuta no Centro de Saúde de Marín.
- Equipación e funcionamento dun servizo de Radioloxía no Centro de Saúde de Marín, así como a dotación do persoal necesario.
- Funcionamento dun Servizo de Farmacia no Centro de Saúde de Marín, coa correspondente dotación de persoal.

2. O Pleno do Concello de Marín insta á Xunta de Galiza a tomar as seguintes medidas nun compromiso claro de que se rectifica unha política sanitaria que está destruíndo a sanidade pública dos galegos e galegas e poñendo en risco o dereito á saúde:
a) Aumento do orzamento destinado a Sanidade
b) Dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas as prazas vacantes en todas as categorías/ contratos estábeis e dignos /substitucións d@s profesionais pola totalidade da ausencia / aumento das prazas de formación de especialistas, MIR
c) Eliminación listas de espera: contratando persoal e tendo operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos...e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis, susceptíbeis de ser usados nos centros públicos.
d) Plan de Mellora de Atención Primaria: incremento do investimento até chegar como mínimo ao 20% do orzamento (no inmediato incremento de 200 millóns de euros). Recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria./ Incrementar as prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar e comunitaria./ Mellorar os equipamentos nos centros de saúde e PACs / Garantir equipos completos de profesionais nos PACs.
e) Reverter as privatizacións e xestión propia dos servizos sanitarios
f) Eliminación dos copagos farmacéuticos.