O BNG solicita a revitalización da Festa dos Maios

Maio. 1956
Maio. 1956

Este ano vaise celebrar a 65 edición do certame aínda que o seu futuro é ben incerto. No 2016 presentáronse dúas embarcacións e seis maios, no 2017 catro embarcacións e catro maios e non se visualiza unha revitalización da mesma principalmente por unha falla de interese política do Concello de Marín.

O BNG solicita a revitalización da Festa dos Maios

Marín, xunto con Vilaboa, Poio e Pontevedra, forman parte dunha singular celebración da Festa dos Maios. Mais esta individualidade leva consigo unha diferenciación entre as propias localidades, así por exemplo Marín ten cos barcos unha compoñente máis mariñeira que a distingue de Pontevedra.

Este ano vaise celebrar a 65 edición do certame aínda que o seu futuro é ben incerto. No 2016 presentáronse dúas embarcacións e seis maios, no 2017 catro embarcacións e catro maios e non se visualiza unha revitalización da mesma principalmente por unha falla de interese política do Concello de Marín que deixa de lado o traballo realizado por entes concienciados en protexer este Ben Inmaterial Galego como o Ateneo Santa Cecilia ou mesmo pola actuación decidida dalgún centro escolar.

Non é a primeira vez que esta Festa pasa por vicisitudes, así en maio de 1953 se recuperou a tradición infantil que algúns xa daban por acabada, espertando unha importante ilusión entre a rapazada da época e a nostalxia dos maiores daquel entón. Foi a Asociación de Cultura e Arte Ateneo Santa Cecilia a que nese ano recuperaba a tradición marinense de celebrar a festa infantil con representación de maios, carros triunfais e embarcacións de pesca e guerra. Non queremos realizar aquí un repaso histórico da Festa dos Maios de Marín, mais si visualizar que se trata dun acto enraizado na nosa sociedade desde hai moitos anos.

Desde o BNG pensamos que o Ateneo Santa Cecilia non pode cargar con toda a responsabilidade da celebración da Festa, hai unha obriga política de protección e potenciación por parte das institucións públicas ao tratarse dun patrimonio que debemos conservar. O Concello ten a obriga de velar pola preservación, ten que tomar medidas e implicarse parando o declive da Festa, non pode estar realizando unha política cultural sen un proxecto definido, son as propias institucións públicas as que deben revitalizar a Festa dos Maios de Marín.

Por todo isto, o BNG solicita

  1. Que, conxuntamente coas asociacións interesadas, se realice promocións intensivas, tanto na rúa como cos entes vivos do Concello, sobre a representación da Festa dos Maios de Marín tendo en conta a nosa especificidade.

  2. Que, conxuntamente coas devanditas asociacións, se desenvolva unha serie de actividades en todos os centros escolares e institutos do concello para implicalos na Festa.

  3. Que, conxuntamente coas asociacións interesadas, se mellore os premios non só o incentivo económico senón, se cadra e entre outras, tamén invitando aos participantes á degustación dalgunha sobremesa típica do período ou de Marín.

  4. Que, conxuntamente coas asociacións culturais, se organicen unha serie de obradoiros, charlas prácticas e pedagóxicas para potenciar a difusión dos Maios entre a veciñanza e sobre todo nos/as máis cativos/as.

  5. Que esta potenciación non só se circunscriba a Marín e Seixo senón que se recupere en todo o territorio municipal, pois aínda está viva na memoria das xentes do rural.

  6. Que por parte do Concello de Marín se trate de recuperar as famosas “carrozas triunfais” que no pasado caracterizaban Os Maios de Marín.

O BNG solicita a revitalización da Festa dos Maios