8M: Presentación "Invisibles" de Montse Fajardo

Invisibles. Relatos do maltrato
Invisibles. Relatos do maltrato

Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o BNG de Marín organiza o vindeiro venres 9 de marzo a Presentación do libro "Invisibles. Relatos do maltrato" de Montse Fajardo. Por outra banda, o BNG de Marín manifesta o seu absoluto respaldo á folga de mulleres convocada para mañá, así como á manifestación que terá lugar en Marín a partir das 20:30h. desde o Concello.

8M: Presentación "Invisibles" de Montse Fajardo

Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o BNG de Marín organiza o vindeiro venres 9 de marzo a Presentación do libro "Invisibles. Relatos do maltrato" de Montse Fajardo.

O acto terá lugar na Biblioteca Municipal de Marín a partir das 20:00h., e para o cal contaremos coa participación da autora e da concelleira de Igualdade de Pontevedra, Carme Fouces, sendo presentado pola nosa compañeira Esther Crespo.

Montse Fajardo é xornalista licenciada en Ciencias Políticas e da Administración. Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos.

Na actualidade forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio e Memoria do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas cun texto, “As que quedaron”, no que analiza a repercusión da represión sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte por centros educativos e asociacións culturais galegas a charla A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

Como autora en solitario publicou en novembro de 2017 Invisibles, relatos do maltrato, un libro, promovido polo Concello de Pontevedra, que recolle sete historias reais de mulleres que padeceron a lacra da violencia machista, contadas por elas mesmas ou pola súa xente, no caso das que foron asasinadas.

Con anterioridade escribiu dous libros coa memoria histórica como fío: Matriarcas, mulleres en pé de vida (2012) protagonizado por mulleres da posguerra galega, que vai pola cuarta edición; e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que recolle dezaseis historias de familias que sufriron a represión tras o golpe de Estado fascista contadas polas persoas que a sufriron ou por xente moi próxima a elas, xa na segunda edición.

Queremos aproveitar tamén para manifestar o apoio total do BNG de Marín á folga de mulleres convocada para mañá, así como á manifestación que terá lugar en Marín a partir das 20:30h. desde o Concello.