MOCIÓN RELATIVA Á MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NO TERMO MUNICIPAL DE MARÍN

MOCIÓN RELATIVA Á MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NO TERMO MUNICIPAL DE MARÍN

Foto seguridade viariaWEBO Grupo Municipal do BNG, presenta a seguinte moción relativa á mellora da seguridade viaria no termo municipal de Marín, para o seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal,

Exposición de motivos

Os Concellos teñen un especial protagonismo na política de seguridade viaria  xa que, máis do 54% dos accidentes con vítimas, e o 22% dos falecidos, prodúcense nas zonas urbanas.

É nas cidades onde se onde teñen lugar a maioría dos atropelos, accidentes nos cruzamentos, a indisciplina nos semáforos ou os problemas de aparcadoiro.

Nos últimos anos no concello de Marín estase a producir un deterioro da seguridade viaria, cun aumento importante de sinistros de todo tipo e con vítimas. No ano 2013 na zona urbana producíronse 190 sinistros  e no que levamos de ano 2014 máis de 138. Sen ir máis lonxe, no último mes tiveron lugar tres atropelos.

A deterioración da sinalización horizontal e vertical sobre todo nos cruzamentos, a falta de reposición dos pasos de peóns, a velocidade excesiva, sumado á falta de vixilancia fai as nosas rúas vulnerables para as persoas que todos os días transitan pola cidade.

O plan estratéxico de seguridade viaria insta aos concellos a reducir o número de atropelos nas zonas urbanas e rematar cos falecementos nos accidentes de turismo no ámbito urbano.

Solicítase dos concellos que se responsabilicen de promover actuacións como:

- Mellorar a seguridade nos desprazamentos a pé.

- Calmar o tráfico mediante zonas 30.

- Estender o uso do cinto de seguridade na cidade.

- Promover a disciplina nos semáforos.

A lei de bases de réxime local establece que son os concellos os que teñen as competencias en infraestrutura viaria, policía local, tráfico, estacionamento e mobilidade. De acordo con elas, a administración local é a responsable da conservación e correcto mantemento das vías públicas (pavimento, pintura) o bo estado e localización acertada da sinalización vertical e semafórica, o deseño das rotondas, cruces, a instalación e funcionamento dos semáforos, limitadores de velocidade, pasos elevados, a presenza da Policía Local en lugares nos que se poidan xerar especiais situacións de risco,  e a aplicación de medidas técnicas e medios persoais destinados a mellorar a vixilancia e control das normas de tráfico contidas na Lei de Seguridade Viaria e o Código de Circulación.

En consecuencia co anteriormente exposto, solicitamos do Pleno da corporación a adopción dos seguintes acordos:

  1. Reposición da sinalización horizontal, en particular nos cruzamentos, de todo o termo municipal.
  2. Repintado dos pasos de peóns da zona urbana.
  3. Instalación de limitadores de velocidade nas principais rúas de Marín.
  4. Instalación de pasos elevados nas entradas dos colexios do centro urbano.
  5. Confección dun estudo de seguridade viaria do Concello de Marín, co obxectivo de rebaixar a sinestralidade viaria e a creación de zonas 30.
  6. Solicitar das outras administracións (Ministerio de Fomento, Xunta e Deputación) medidas de seguridade viaria nas estradas da súa competencia que discorren polo noso Concello.

A portavoz do BNG,

 

Pilar Blanco López

 

Marín, 22 de setembro de 2014