MOCIÓN RELATIVA Á FALTA DE CUMPRIMENTO DA LEI E ORDENANZA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA POR PARTE DO

MOCIÓN RELATIVA Á FALTA DE CUMPRIMENTO DA LEI E ORDENANZA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA POR PARTE DO

webO galego, é o noso maior patrimonio, que nos identifica como colectividade e singulariza no mundo.  A nosa lingua herdada dos nosos ancestros é  a riqueza máis importante que podemos deixar a nosos fillos e fillas,  polo que deberiamos utilizala, coidala e protexela en vez de ser marxinada e  desprezada.

A Lei de Normalización Lingüística declara a nosa lingua como oficial e polo tanto as institucións públicas de Galiza son as que teñen que velar polo seu coidado, uso e protección.

O Concello de Marín aprobou unha Ordenanza de Normalización Lingüística, que di no seu artigo 1.2: “O galego, como a lingua propia de Galicia, é tamén a lingua propia do Concello de Marín. Na súa consecuencia, é o idioma oficial normal  prioritario de uso no Concello de Marín. Para lograr a concreción deste uso normal, o efectivo coñecemento e a máis ampla difusión da nosa lingua dentro do seu ámbito territorial planificará a súa actividade tendo en conta este mandato.”

Malia esta Ordenanza o propio Concello de Marín dana de forma sistemática e continuada o noso idioma ao incumprir tanto a Lei como a propia Ordenanza. Por poñer tan só algún exemplo:

  • O Concello de Marín carece dun Servizo de Normalización Lingüística que incremente o uso e o prestixio do galego en todos os eidos.
  • O uso de documentación municipal en castelán obviando o galego é flagrante. Un bo número de impresos para a realización de trámites administrativos está só en castelán.
  • O menosprezo que se lle fai no uso da toponimia e do propio rueiro chega ao atentado lingüístico. En Marín podémonos atopar letreiros municipais, por exemplo, co nome da rúa do “Cementerio Vello” ou mapas municipais chamando “Calle Puente”, “Calle de la Estrada” ou “Camino de San Jorge”. Hai algunhas semanas visualizouse un cartaz co anagrama do Concello de Marín usando o rueiro de “Avenida de Orense”. Este tipo de atentados contra o noso patrimonio inmaterial non se pode permitir a día de hoxe. O uso da nosa toponimia e do rueiro é exclusiva e oficialmente en idioma galego.
  • No Capítulo XI da devandita ordenanza regula o cumprimento e seguimento da propia Ordenanza para o que recolle a creación dunha Comisión Interdepartamental de Seguimento e que se reunirá, cando menos, dúas veces ao ano de maneira ordinaria.

Todo isto, fai que desde o BNG nos preguntemos en que quedou unha Ordenanza de Normalización Lingüística aprobada pola unanimidade da Corporación Municipal, ordenanza que a propia institución incumpre en non poucos puntos.

Desde o BNG consideramos imprescindíbel a recuperación e dinamización da lingua histórica de Marín, polo que cremos que o Goberno Municipal do Partido Popular debería facer unha reflexión e revisión xeral das políticas lingüísticas desenvolvidas na propia institución e no termo municipal de Marín.

Por todo isto,

SOLICITA

Que se cumpra na súa totalidade a Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Marín, e en particular os seguintes puntos que se veñen incumprindo:

  1. A creación da Comisión Interdepartamental de Seguimento do cumprimento e seguimento da Ordenanza de Normalización Lingüística como ben recollido no artigo 31 do devandito regulamento.
  2. Que o Concello de Marín poña en marcha un Servizo de Normalización Lingüística que preste especial atención ao proceso de normalización.
  3. Que a Comisión de Cultura revise a toponimia do rueiro municipal e se preceda a súa correción.
  4. Que o Concello de Marín normalice e coide o uso administrativo da nosa toponimia, microtoponimia e rueiro municipal.
  5. Que o Concello de Marín ofreza toda a documentación para a realización de calquera trámite en galego.

 

En Marín, a 29 de outubro do 2015