MOCIÓN PARA MELLORAR A CALIDADE E EFICIENCIA DO SERVIZO DE TAXI NO MUNICIPIO DE MARÍN E PARA O ES

MOCIÓN PARA MELLORAR A CALIDADE E EFICIENCIA DO SERVIZO DE TAXI NO MUNICIPIO DE MARÍN E PARA O ES

web2O Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción relativa á mellora da calidade e eficiencia do servizo de Taxi no municipio de Marín e ao establecemento de medidas efectivas vinculadas á economia local, para o seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal,

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Aumento da cobertura do Servizo de Taxi e comercio de proximidade

A LEI 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, recolle de xeito literal que  no momento actual, a mobilidade constitúe un compoñente esencial da calidade de vida das persoas. Non é posible concibir unha sociedade moderna e avanzada sen que nela estea garantida a posibilidade de facer efectiva unha liberdade de desprazamento empre­gando un sistema organizado de transporte público. E o no artigo 3, apartado b) establece  a universalidade, accesibilidade e continuidade na prestación dos servizos de taxi, procurando, particularmente naquelas zonas onde exista unha falta de cobertura deles, unha suficiencia do servizo e tamén acadar o equilibrio económico da actividade mediante a limitación no número de habilitacións e o establecemento de tarifas obrigatorias.

 

Tal como sinala o Libro Blanco do Eurotaxi  o incremento e mellora do servizo é, sen dúbida, responsabilidade do traballo conxunto de moitas entidades: a Administración Pública, como entidade supervisora e incentivadora dun servizo que debe ser universalmente accesible, especialmente os concellos que nestes momentos deben seguir apoiando de xeito decidido a implantación dun servizo que beneficia a unha alta porcentaxe da ciudadanía.

Recentemente, a Asociación de Atopatronos de Taxi Rías Baixas, denunciou publicamente á falta de resposta e de cumprimento dos compromisos adquiridos por parte do concelleiro delegado de Tráfico, en relación a unha serie de propostas para mellorar o servizo de Taxi en Marín, ao tempo que reiteraba as súas denuncias sobre as graves irregularidades no servizo, para as que demandan solución por parte de quen ten a obriga de garantir o correcto desenvolvemento deste tipo de transporte público na nosa cidade.

O Concello ten a obriga de mellorar a mobilidade urbana e apostar pola economía local, facilitando a implantacións de servizos públicos de transporte adaptado ás necesidades e condicións da nosa poboación.

En abril de 2014, o Grupo Municipal do BNG presentaba unha  moción na que propoñíamos á  aprobación dun novo regulamento de transporte público por medio de taxi e a adopción de medidas correctoras para solucionar os problemas denunciados pola agrupación de taxistas de Marín. O borrador do regulamento proposto, xa recollía o establecemento dunha parada na rúa Exército e Mariña con capacidade para dous vehículos, e doutra en Seixo, con capacidade para outros dous, sempre en base ao establecido na lei autonómica a cal tamén recolle que os puntos de parada non terán carácter definitivo e o Concello poderá, polo tanto, aumentalos, trasladalos, suprimilos ou diminuílos.

 

Desde o BNG, entendemos que o establecemento do servizo de Taxi en Seixo e en puntos estratéxicos da nosa cidade, mellorarían a  súa eficiencia e suporían unha aposta polo comercio local e polos servizos de proximidade do noso municipio (centros de saúde de Marín e Seixo, bibliotecas, mercados, oficinas bancarias, establecementos de ocio e restauración…).

Servizo de Taxi adaptado

Outro aspecto que nos preocupa é a falta do servizo de taxi adaptado no noso termo municipal. Debemos ter en conta que na sociedade actual un 10 % da poboación ten algunha dicapacidade, unha de cada 3 familias contan cunha minusvalidez no seu seo, e o  colectivo persoas maiores é crecente.

Neste sentido o artigo 38 da citada lei autonómica establece que os municipios ou, de ser o caso, as entidades competentes nas áreas territoriais de prestación conxunta deberán establecer as disposicións oportunas para que se garanta a existencia de vehículos de taxi adaptados para transportar persoas usuarias con mobilida­de reducida e en cadeira de rodas, de conformidade co establecido pola lexislación vixente. Para tal efecto, deberá establecerse un réxime de coordinación de horarios, así como un calendario semanal de dispoñibilidade destes vehículos. E engade que o número mínimo de taxis adaptados deberá ser suficiente para atender as necesida­des existentes en función do tamaño da poboación e das circunstancias socioeconómicas da zona, e deberase garantir a porcentaxe mínima de vehículos adaptados que estableza a lexislación sectorial específica.

 

A lei tamén sinala no seu artigo 32 que a consellaría competente en materia de transportes promoverá as actuacións oportu­nas para facilitar a contratación do servizo de taxi mediante calquera sistema tecnolóxico e, particularmente, aqueles que se consideren adecuados para atender persoas con disca­pacidade e limitacións sensoriais. Son moitas xa as cidades nas que funcionan sistemas que facilitan a solicitude do servizo de Taxi por parte de persoas sordas, de xeito que o usuario pode demandar de forma autónoma a través de medios de comunicación accesibles como unha páxina de Internet, utilizando un servizo de intermediación telefónica, mensaxes de texto, etc.

E por último, mais non por elo menos importante, queremos lembrar a falta de servizo de gardas nocturnas, tamén reiteradamente denunciado pola asociación de taxistas. O feito de que Marín  deixara  de  contar con servizo de ambulancia asistencial durante 24 horas, en setembro de 201,  por decisión  da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza, converte ao servizo de  taxi do concello na única alternativa de traslado de noite a un centro hospitalario por medio de transporte público.

De acordo con todo o anteriormente exposto, e en orde de mellorar a calidade  e a eficiencia do servizo de Taxi no noso municipio e a contribuír con medidas efectivas á reactivación da economía local, propoñemos do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

 

ACORDOS,

1.-Poñer en funcionamento o servizo de Taxi en Seixo, establecendo unha parada con capacidade suficiente para dar servizo á poboación da parroquia e tendo en conta que é o segundo núcleo urbano do municipio e a actividade vinculada á Praza de Abastos, Centro de Saúde e locais de ocio.

 

2.- Poñer en funcionamento o servizo de Taxi na rúa Exército e Mariña vinculado aos días de máis  actividade da Praza de Abastos e aos días de mercado, a saber, xoves e sábados.

 

3.- O goberno local adoptará, de xeito inmediato, as medidas oportunas para facer cumprir o servizo obrigatorio de gardas nocturnas do servizo de Taxi.

 

 4.- Establecer as disposicións oportunas para garantir o servizo de taxi adaptado ás persoas con mobilida­de reducida e en cadeira de rodas, de conformidade co establecido pola lexislación vixente.

 

5.-Iniciar as xestións oportunas para establecer un sistema que permita ás persoas sordas poder solicitar o servizo de taxi no noso concello.

A portavoz municipal,

Pilar Blanco López

Marín, 9 de xaneiro de 2015