MOCIÓN DE APOIO ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DA LIMPEZA (EMPRESA CLEANET) NAS INSTALACIÓNS MILIT

MOCIÓN DE APOIO ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DA LIMPEZA (EMPRESA CLEANET) NAS INSTALACIÓNS MILIT

O Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción relativa ao apoio do persoal de limpeza da empresa Cleanet nas instalacións militares da Escola Naval de Marín e da Brilat de Figueirido, para ao seu tratamento, pola vía de urxencia, no pleno da Coporación Municipal a celebrar o vindeiro 9 de xaneiro,

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Ministerio de Defensa e a empresa CLEANET asinaron un acordo en maio do 2013, que estaría vixente durante dous anos. O importe da concesión ascende a 12 millóns de euros e afecta, entre outras, ás instalacións militares de Ferrol, Pontevedra e Marín.

Dende o inicio da concesión as traballadoras arrastran problemas de atrasos de pago, e dende  finais de 2014 directamente o impago das nóminas. Segundo denunciou a CIG, Cleanet levouse o contrato en subasta electrónica tirando os prezos. Esta contrata expira o próximo 19 de marzo e as traballadoras sospeitan que o Goberno central non ten pensado rescindir a concesión a pesar dos impagaos, os atrasos e as ampliacións de xornada que veñen sufrindo.

O persoal de Cleanet en Pontevedra suma en total  34 traballadores e traballadoras entre a Escola Naval, a Brilat, residencia militar, Subdelegación de Defensa e  Centro Deportivo de Campolongo,  e veñen levando a cabo reiteradas protestas para reclamar o cobro inmediato dos salarios que non chegan a 700 euros de media, posto que a maioría non teñen xornada completa. En concreto na Escola Naval leváronse a cabo ampliacions de xornada no verán, mais as horas  non se pagaron correctamente. Na actualidade a empresa deixou de facer ampliacións de xornada porque non se fan contratos e hai moitas dúbidas de que se vaian dar altas polo total da xornada.

O día 24 de decembro pasado realizaron unha concentración ás portas da Escola Naval e solicitaron unha entrevista co director que lles foi rexeitada, e  o luns 29 convocaron  unha xornada de folga ( a terceira dende o inicio do conflito)  con concentración diante da Subdelegación do Goberno para reclamar os pago dos salarios pendentes.

 

Non podemos deixar de sinalar que as traballadoras de Cleanet en Ferrol levan en folga  dende o 27 de outubro. Precisamente, hai poucos días, e en resposta a unha pregunta da deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez, o ministro de Defensa Pedro Morenés, restou transcendencia á gravidade que supón o impagao das nóminas ás traballadoras e limitouse a afirmar que “o Ministerio está tramitando os pagos á firma con normalidade pero que debe respectar as facultades atribuidas so empregador, en particular as da dirección e organización do traballo”, deixando clara a intención de non facer máis nada que instar ao contratista a solucionar a situación de conflitividade pero que en nigún caso vai rescindir o contrato.

Pola contra, dende o BNG pensamos que o Ministerio ten a responsabilidade de vixiar porque se cumpra a concesión, que debe levar implícito o cumprimento dos dereitos laborais dos e das traballadoras, asi como o deber de controlar que se cumpra o prego de condicións.

Estas son as razóns que nos levan a  formular ao Pleno da Corporación a aprobación dos seguintes acordos:

1.- Que o goberno local se dirixa ao Ministerio de Defensa para que este esixa á empresa CLEANET o cumprimento das condicións establecidas no prego de condicións da concesión, que se respecten os dereitos laborais dos e das traballadoras e se lles abonen as nóminas pendentes.

2.-Que o goberno local se dirixa ao Ministerio de Defensa para instalo a que rescinda a concesión á empresa Cleanet por imcumprir de xeito sistemático os contratos salariais coas traballadoras e traballadores.

Asinado,

A portavoz municipal,

Pilar Blanco López

Marín, xaneiro de 2015