O QUE DEBES SABER SOBRE O CONVENIO DA AUGA CON PONTEVEDRA

O QUE DEBES SABER SOBRE O CONVENIO DA AUGA CON PONTEVEDRA

Imaxe:Concello de Marín

Ao longo dos últimos meses vimos asistindo a unha serie de declaracións por parte da alcaldesa de Marín e do seu tenente de alcalde, Santos Costas sobre o convenio asinado con Pontevedra para o submistro de auga a Marín (ao Porto e resto do municipio), que lonxe de estar caracterizadas polo rigor que lle correspondería ás persoas que neste momento ostentan os cargos de maior responsabilidade municipal, están dirixidas a ocultar as auténticas consecuencias que este convenio terá para as arcas municipais e sobre todos para as empresas de dentro e de fóra do Porto, e para cada un dos veciños e veciñas de Marín.

Dende o BNG cremos que a cidananía ten dereito a coñecer todos os datos sobre un tema que lle afecta directamente, e  a que dende as administracións públicas se actúe coa máxima transparencia.

Procedemos polo tanto a expoñer os feitos:

ANTECEDENTES

Até o ano 2007, o Porto de Marín subministrábase de auga a través dunha conexión directa a rede municipal do Concello de Pontevedra. O Porto pagaba polo tanto a auga a Pontevedra ao tempo que pagaba tamén o canón de saneamento correspondente a ese consumo.

O prezo que o Porto pagaba a Pontevedra por estes dous conceptos era o seguinte: 0,45/m3  de auga, e 0,495/m3 polo saneamento, os dous establecidos para uso industrial.

A súa vez, o Porto  re-venderlle a auga ás empresas instaladas no recinto portuario e pásalle  un recibo que incrementa en 0,34€ por metro cúbico consumido. A este incremeto chámalle canon de custos implícitos. Noutras palabras: imposto portuario, que supón un sobre custo de máis do 30%, "negocio da auga".

En marzo e xullo dese mesmo ano 2007, o Porto solicitalle ao Concello de Marín a alta para o subministro de auga, e en novembro a Alcaldía autoriza.

O interese do Porto radicaba en que Marín ( que lle compra a auga a Pontevedra) tiña establecida unha taxa de 0,46€/m3  para a auga de uso industrial, e de 0,10€/m3 para o saneamento. Ademais  Marín, na taxa de saneamento, non diferencia entre uso doméstico e uso industrial.

Resultado: obtendo a autorización de subministro  do concello de Marín, o Porto pagaría máis en concepto de auga, pero pasaría a pagar só 0,10€/m3  de saneamento.

En números redondos, por cada 1.000.000m3  consumidos polas empresas, a Autoridade Portuaria ingresaría 340.000€. Noutras palabras: o Porto enríquecese a costa de revenderlle a auga ás empresas.

Polo tanto o interese do Porto en submistrarse desde o concello de Marín foi e é meramente económico. O porto non quere que os concellos facturen directamente a auga ás empresas xa que perdería a recadación dos custos implícitos.

CONSECUENCIAS

A consecuencia máis directa é que Marín pasa a venderlle ao Porto a auga que a súa vez lle compra a Pontevedra.

Isto ten efectos colaterais para as arcas do concello veciño: Pontevedra entende que hai un enriquecemento indebido do concello de Marín.

Este  enriquecemento consiste en que:

- Marín paga a Pontevedra 0,16m3/auga consumida en CONCEPTO DE USO DOMÉSTICO

-Pontevedra paga á súa concesionaria 0,36€/m3  en concepto de auga en alta.

-E Marín véndelle de novo a auga ao Porto pero a prezo industrial (0,46€/m).

Aquí comeza un conflito de intereses entre Pontevedra e Marín  no que o gran benificiario é  o Porto polo que explicabamos no primeiro apartado.

Como resultado:

-Pontevedra segue a facturarlle ao Porto polo consumo de auga, estas facturas son devoltas pola Autoridade Portuaria que di non recoñecelas.

-Iníciase un conflito nos tribunais entre Pontevedra e o Porto,  no que Marín participa en defensa do Porto. Todas as sentenzas (até 19) son favorables ao Porto no sentido de que ten dereito a subministrarse da auga directamente dende Marín, se ben o TSXG sentenza que MARÍN DEBE FACTURARLLE DIRECTAMENTE ÁS EMPRESAS, e que O PORTO NON DEBE ACTÚAR DE INTERMEDIARIO.

ADEMAIS

-A pesar do que está a afirmar o PP e en particular a alcaldesa, PONTEVEDRA NUNCA EMITIU FACTURAS AO CONCELLO DE MARÍN EN CONCEPTO DE AUGA SUBMINISTRADA AO PORTO. O que reclamaba o concello veciño era a diferenza que  antes sinalábamos entre o prezo que pagaba Marín a Pontevedra e o que lle cobraba Marín ao Porto.

-Só existe unha única factura por 800.531,13€ rexitrada o 14 de maio de 2014, seis meses despois da sinatura do convenio asinado pola alcaldesa e en base a este.

-En todos os anos que o PP estivo na oposición dende que se iniciou este conflito (2007-2011) nunca abriu a boca para denunciar que Marín lle debía cartos a Pontevedra.

-MARÍN SEMPRE PAGOU PUNTUALMENTE OS RECIBOS DE AUGA A PONTEVEDRA POLO PREZO ACORDADO ENTRE AMBOS CONCELLOS NO ANO 2004   E NO CONCEPTO DE USO DOMÉSTICO.

CONVENIO ASINADO POLA ALCALDESA

O pasado 25 novembro de 2013 coñeciamos a través dos medios de comunicación, e por boca do concelleiro de Fancenda de Pontevedra,  a sinatura dun convenio entre o Concello de Marín e o de Pontevedra, en virtude do cal, Marín pagararía 800.000€ en concepto de auga subministrada ao Porto de Marín.

O convenio foi asinado o día 28 pola alcaldesa, e o día 29 dalle rexistro de entrada no Concello. Mais NON SE PUXO EN COÑECEMENTO DOS SERVIZOS XURÍDICOS NIN DOS OUTROS GRUPOS MUNICIPAIS.

Pola contra, o Concello de Pontevedra ratificao a través da Xunta de Goberno Local, e publícao no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web oficial do Concello.

Que establece o convenio?

O convenio establece un novo prezo  para auga e diferencia  uso doméstico e uso industrial (até o momento só existía un prezo, o de uso doméstico):

-O subministro de auga doméstica pasa de 0,179 euros/m3 a ter un prezo de 0,183€+IVE/m3

- Establece un prezo para a auga con destino a usos e consumos industriais en zonas industriais  de 0,381€+IVE/metro cúbico.

- Ademais, e sempre segundo a letra do convenio, os prezos actualizaranse anualmente en función do IPC a partires de xaneiro de 2015, para a auga de uso doméstico, mentres que o de uso industrial xa se ben actualizando dende maio de 2014.

Ademais regularízase o equilibrio económico producido polo subministro destinado a áreas industriais e o Concello de Marín ten que aboarlle ao de Pontevedra 727.755,57€+IVE (800.531,13€).

En consecuencia:

-Dende a sinatura deste convenio Marín está a pagar a auga máis cara a Pontevedra.

-Xérase un desequilibrio económico nas arcas municipais, que pagamos todos os veciños e veciñas de Marín (consumamos auga municipal ou non), porque o concello paga a auga a Pontevedra máis cara do establecido na nosa taxa municipal.

-Dende a sinatura do convenio Marín ingresa menos cartos en concepto de agua industrial.

-O Porto segue a cobrarlle o mesmo prezo ás empresas, e non ve alterado en nada o seu beneficio a costa destas xa que a vantaxe segue a estar no prezo do saneamento.

-Os grandes beneficiarios do convenio asinado pola alcaldesa son o Porto, que remata cos conflitos xudiciais e segue a sacar beneficio económico das empresas, e Pontevedra que ingresa 800.531,13€ e pasa a cobrarlle máis a Marín pola auga.

De onde saen os 800.000€ para pagar a Pontevedra?

Aínda que o delegado de Facenda do goberno local do PP, Santos Costas, sempre afirmou que pagaría eses 800.531,13€ co remanente de Tesourería, a realidade é a seguinte:

-          Do total dos 800.531,13 euros, só 225.000 proceden do remanente de Tesourería,  xa que Intervención non lle permite dispoñer de máis. (O PP aprobou en solitario no pleno do venres día 10 un recoñecemento de crédito con informe suspensivo de legalidade de Intervención)

-          Os restantes 575.531,13 euros procederán de diferentes partidas do orzamento municipal, aínda que o señor Santos Costas négouse a especificar de cales. É dicir, do gasto corrente que o concello ten destinado a pagar a limpeza, obras, luz, …( O PP aprobou en solitario unha modificación do orzamento, tamén informada desfavorablemente polos servizos de Intervención)

crítica

A alcaldesa de Marín e o seu tenente de alcalde estanlle a faltar ao respecto a toda a cidadanía de Marín ao mentir, falsear e dicir medias verdades nun asunto no que Marín non sae beneficiado en absoluto.

Estando de acordo en que os conflitos hai que solucionalos, a ser posible, vía diálogo e non nos tribunais, a saída atopada polo goberno do PP de Marín, só beneficia ao Porto e ao Concello de Pontevedra.

A señora Ramallo engana aos veciños e veciñas de Marín afirmando que defende ás empresas instaladas no Porto, cando estas seguirán pagando dobre prezo polo subministro de auga: o que lle cobra Marín ao Porto e o que o Porto lle cobra a elas.

que fará o BNG?

O BNG xa anunciou no debate plenario que solicitará, en base as sentenzas do TSXG, que sexa o Concello de Marín quen lle facture a auga directamente ás empresas do recinto portuario,  nas mesmas condicións que a todas as demais empresas instaladas no noso municipio. Esta medida si beneficiará as empresas que deixarán de pagar unha taxa de auga e saneamento incrementada pola Autoridade Portuaria co só obxectivo de ingresar beneficios a costa dun ben público como é a auga.