Ana Pontón advirte que a discriminación a Galiza nos orzamentos do Estado pode repetirse no reparto do fondo COVID europeo

Ana Pontón
Ana Pontón

“Se o PSdeG ten que comungar con rodas de muíño que o explique, pero as galegas e galegos sabemos sumar e restar”, declara en relación aos orzamentos

Ana Pontón advirte que a discriminación a Galiza nos orzamentos do Estado pode repetirse no reparto do fondo COVID europeo

A reactivación económica e social precisa inxentes recursos públicos e, para saír da crise, Galiza necesitar recibir o que lle corresponde por todas as vías posibles: orzamentos do Estado, distribución do fondo COVID europeo, -Next Generation-, e financiamento autonómico. De aí, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, o empeño do BNG en defender os intereses do país neses tres frontes.

Empezando polos orzamentos do Estado para 2021, nos que ratifica a posición do Bloque. “Grazas ao BNG teremos unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9 pero é insuficiente para apoiar unhas contas que lle dan a Galiza 104 millóns de euros menos que os últimos deseñados polo Goberno de Raxoi, mentres que outros territorios que levan décadas co AVE reciben unha choiva de millóns”, explicou, “pensan que hai que negociar con Euskadi e Catalunya pero que se pode discriminar a Galiza”.

Lembrou que esas últimas contas mereceron o cualificativo de “raquíticas” para os socialistas pero “fanlle a ola” a uns orzamentos que aínda recortan máis. “Se o PSdeG ten que comungar con rodas de muíño que o explique, pero que non lle falte á intelixencia aos galegos e galegas que sabemos sumar e restar”, declarou. Pontón denunciou que as forzas estatais “practican a política máis vella de todas, a da alternancia na discriminación”, e recomendoulles que “destinen menos esforzo a atacar ao BNG e máis a defender Galiza porque están en xogo investimentos estratéxicos”.

É máis, Pontón advirte que o agravio pode repetirse na distribución do fondo COVID europeo de reactivación: “moito nos tememos que o trato que recibimos nos OXE sexa a antesala da discriminación que podemos sufrir co reparto do fondo europeo, prevendo unha parte ridícula da contía de 140.000 millóns de euros, o que sería un escenario inaceptable porque temos que recibir os fondos que nos corresponden para saía adiante nesta crise”.

Para o Bloque, un reparto centralizado vai penalizar a Galiza e máis se os proxectos van estar destinados a financiar ás grandes multinacionais e ás empresas do IBEX, “porque sabemos onde teñen a súa sede social e polo tanto que territorios van saír beneficiados”. Neste sentido, Pontón criticou a actitude de “pasotismo” do presidente da Xunta, “instalado no canto peor mellor” cando o que urxe é unha posición de país “para evitar que Galiza quede excluída”.

De feito, a formación nacionalista ten cuantificado en 12.6000 millóns de euros, o 9% do total, a cantidade mínima que corresponde para abordar cuestións como a transición enerxética, dixitalización, cambio a un modelo de economía verde baseado na ciencia a na investigación, para apoiar ao tecido produtivo galego e para blindar os servizos públicos.

Finalmente, a portavoz do Bloque tamén fixo referencia ao debate sobre a fiscalidade colocando o foco na urxencia de cambiar o actual modelo de financiamento autonómico que lle fai perder a Galiza centos de millóns de euros cada ano, un modelo inxusto e obsoleto, que está pendente de reformulación desde 2014.

“A cuestión non é un punto arriba ou abaixo nun determinado imposto, senón ir a un novo sistema de financiamento que nós permita ter a chave dos nosos cartos, xestionar o 100% dos nosos recursos, definir desde aquí as prioridades e poñer en marcha unha fiscalidade adaptada ao país”, explicou, en definitiva, “un concerto económico que é a proposta do BNG porque confía na capacidade do país e pensamos que ese debate de darse xa neste Parlamento”.

Ana Pontón advirte que a discriminación a Galiza nos orzamentos do Estado pode repetirse no reparto do fondo COVID europeo