O BNG PREGUNTOU NO PLENO SOBRE A CANDIDATURA DA ALCALDESA.

A alcaldesa debe escoller entre Madrid e Marín

Ao PP non lle importa descabezar institucionalmente Marín para tentar acadar uns poucos votos máis nas próximas eleccións xerais.

A alcaldesa debe escoller entre Madrid e Marín

Diante da candidatura da alcaldesa de Marín ás próximas eleccións xerais, encabezando a candidatura do seu partido, o BNG de Marín presentou no pleno da corporación unha serie de preguntas sobre a cuestión.

En base ás contestación recibidas no Pleno, e posteriormente nos medios de comunicación, consideramos que estamos ante unha falta de respecto co pobo de Marín que a catro meses de acceder á alcaldía a Sra. Ramallo se presente a deputada. Non se poden solucionar os problemas de Marín desde Madrid, nin se pode desenvolver a labor de deputada no Congreso desde Marín. Non se poden compatibilizar estes dous cargos durante catro anos sen desatender aos dous.

Non é certo, como manifestou, que renuncie ao salario do concello. Os dous salarios son incompatíbeis e pretende colarnos isto como unha decisión persoal. O que non di é que seguirá cobrando dietas por asistencia a plenos e comisións e que escolle o salario de deputada por que é máis alto.

Por último dicir que a candidatura da alcaldesa de Marín é un síntoma de debilidade do PP, que ten que botar man da Sra. Ramallo por que non ve claros os resultados electorais. Ao PP non lle importa descabezar institucionalmente Marín para tentar acadar uns poucos votos máis nas próximas eleccións xerais.

Desde o BNG demandámoslle á alcaldesa que escolla entre Marín ou Madrid e renuncie a un destes cargos. Marín ten moitos e importantes problemas que precisan solución e dedicación, e esta non pode ser virtual.

 

Pregunta presentada polo BNG de Marín no último Pleno da Corporación Municipal sobre a candidatura da alcaldesa ás próximas eleccións xerais.

Sra. Ramallo, non hai moito vostede encabezaba a candidatura do PP nas eleccións municipais do noso Concello. Unhas eleccións que o seu partido gañou, o que lle permitiu revalidar a alcaldía.

Pois ben, 4 meses despois asistimos estupefactos/as ao anuncio que a coloca como número 1 do PP pola provincia de Pontevedra nas vindeiras eleccións xerais.

Cando unha persoa acada á alcaldía dun concello adquire un compromiso, non só co seu partido, senón coas persoas que a votaron e co conxunto da veciñanza. Desde o BNG consideramos o anuncio desta semana como unha auténtica tomadura de pelo e absoluta falta de respecto á veciñanza do noso Concello.

Pero é que ademais lemos unhas declaración súas nas que anuncia a súa intención de compatibilizar os dous cargos, o que se ben é legar resulta ben pouco ético. De confirmarse esta situación estará cometendo un fraude ben ao pobo de Marín, ben a cidadanía da provincia de Pontevedra, ou ben a ambas. Calquera persoa cun mínimo de sentido común é perfectamente consciente de que é absolutamente imposíbel realizar as función de alcaldesa dun concello de 24.000 habitantes e deputada nas Cortes. E Marín, en franca e evidente decadencia, perdendo numerosa poboación desde que vostede goberna, non pode permitirse unha alcaldesa a tempo parcial, no mellor dos casos.

Non hai moito tempo vostede díxolle que non a Feijoó, o que levou ao Presidente da Xunta a dicir que o seu compromiso era absoluto con Marín, e que por iso lle dera cabazas, e agora dille si a Casado.

Manuel Fraga fixo no seu momento incompatibles ambos cargos dentro do seu partido. Os alcaldes eran inelixíbeis para o Parlamento galego e, a súa vez, un deputado ten que dimitir para presentarse ao cargo municipal. Tan mal está na actualidade o seu partido?

Sra. Ramallo, de saír elixida como deputada no Congreso pola provincia de Pontevedra, ten pensado compatibilizar os cargos de deputada nas Cortes e alcaldesa de Marín?

Por que lle dixo que non a Feijóo, supostamente polo seu compromiso con Marín e desexo de dedicación plena á veciñanza do noso concello, e agora si a Casado? O seu compromiso co pobo de Marín durou 4 meses?

Vai asumir o cargo de deputada no Congreso só para facer presenza dúas veces ao mes en Madrid?