Ramallo e o deporte, un artigo de Xosé Mª Vilaboa

Ramallo e o deporte, un artigo de Xosé Mª Vilaboa

Xosé MaríaRamallo e o deporte

O século

Son moitas as cousas que levamos escoitado e lido en declaracións da Alcaldesa de Marín sobre a súa actuación coa política deportiva, pero non deixa de sorprenderme a súa soberbia e desprezo cara aos demais como queda reflitido no seu último escrito no que se cualifica a si mesma e o seu grupo de goberno "como os únicos que de verdade se preocuparon polo deporte no que levamos de século".

Que se atreva a dicir que os seus predecesores non fixeron nada polas instalacións deportivas afirmando que xamais se viu unha mínima obra de mantemento, debe ser porque esta Señora nunca pisou as instalacións deportivas ata hai uns meses xa que nos seus últimos doce anos de estanza na oposición nunca se preocupou nin formulou  ningunha iniciativa en  relación ao deporte.

Non recorda quen cambiou o tellado do Pavillón da Raña, a construción da única pista de tenis con que conta Marín, a dotación das pistas multideportivas na Cañota e ou Souto, a reforma da pista de baloncesto do Parque Euguren, as instalacións do parque Azul do Porto, a pista de baloncesto e pista de esqueiter ou o pintado e as distintas obras de mantemento no estadio de San Pedro,  sen que se lle esqueza  a iluminación,  e se nos remontamos a mandatos anteriores campo de herba sintética ou o parque do Pavillón. Tampouco lembra quen lle deixou  o diñeiro para facer as pistas do Porto, que por certo inaugurou o Vicepresidente de Xunta nunha visita lóstrego e ese día a alcaldesa non se acordou de recordarlle os compromisos con Marín nin lle pediu o financiamento, que agora,  en campaña di buscar para o pavillón de Seixo prometido neste século.

A fachenda desta Señora é tal que lle leva a pensar que dar unha man de pintura, cambiar unhas chapas do tellado e axeitar uns vestiarios no mal chamado pavillón da Cañota  pódese cualificar  como "facer un pavillón novo", esquecendóselle explicar aos veciños(as) cal foi a súa xestión co goberno amigo do Estado para conseguir a subvención que os que non fixeron nada polo deporte deixaron solicitada, co voto do PP no Pleno e xestionada ante o devandito goberno para de verdade facer "un novo pavillón na Cañota"  que como Alcaldesa non soubo defender ante o seu compañeiros(as) de partido en Madrid.

Na nota de pasados días fai un repaso dos cacarexados logros do PP para os deportistas marinenses esquecendóselle explicar onde están os compromisos feitos polo Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a finais do 2010   para facer o campo de futbol de Seixo en presenza da señora Ramallo, daquela na oposición, que provocou a solicitude da firma dun convenio Xunta-Concello que se aprobou por unanimidade de todos os grupos no Pleno, incluída ela, onde se plasmaba aquel compromiso que sumado aos 60.000 euros concedidos polo Consello Superior de Deporte, perdidos pola señora Ramallo, sumaban máis de 300.000 € para dotar aos máis de 3000 veciños(as) de Seixo e arredores da instalación prometida hai máis dun "século", disto xa non se acorda.

Tampouco se lembra das promesas do Presidente da Deputación en visita sorpresa, para intentar facer esquecer a polémica polo recorte da ambulancia aos veciños(as) ao estadio de San Pedro en 2011 prometendo unha nova bancada xa que a actual é doutro século.

O deporte e os seus amigos

Para o PP só existen uns poucos deportes e empréganse a fondo en atender as súas necesidades usando os recursos económicos de todos para cumprir coas reclamacións dos seus amigos en detrimento doutros, ou intentando utilizar a Administración para satisfacer as ocorrencias dalgúns, serva como exemplo a pretensión de construír un náutico para uns poucos sacrificando o que é de todos.

Repartir prebendas para os amigos a golpe de factura sen ningún tipo de criterio a cambio dunha foto,  mentres a outros se lle nega calquera axuda desculpándose coa crise.

Ou  pagando e apoiando a empresas amigas que se inventaron carreiras que lle supoñen un alto beneficio económico se sumamos o que lle paga o concello, os exponsor e os participantes, e se non que mostre os contas da carreira. Mentres, a outros se lles marxina e se lles nega calquera axuda con aquilo de non hai diñeiro.

Outro síntoma do preocupada que esta a señora Alcaldesa por algún dos deportes é a defensa que fai do Porto ante a actitude de acoso que amosa este cos clubs de remo e piragüismo, anunciando agora como reclamo electoral un novo espazo para estes deportes despois de que se aprobase no Pleno a proposta do BNG e dos propios clubs de dotación dun novo espazo, que por certo a señora Ramallo, coa boca pequena e en pequeno comité  mais con testemuñas, xa dixo que será para o próximo século.

O que chama a atención é o "contentos” que ten aos hostaleiros e comerciantes de Marín cos campionatos nacionais, internacionais e mundiais por que esperaban un retorno económico do investimento de diñeiro público, pero os que en realidade se beneficiaron foron os industriais de Pontevedra e arredores xa que os participantes o que coñeceron de Marín foi o pavillón da Raña e un industrial membro do goberno municipal que partiu e repartiu o transporte oficial dos eventos.

Transparencia

Non é ouro todo o que reloce, máxime cando se lle dá un repaso á contratación das obras de mantemento das instalacións deportivas. Xorden moitas dúbidas: obras feitas sempre pola mesma empresa, persoal contratado a través doutra empresa que funciona de interposta para facturar como subministradora de material evitando así a previa fiscalización municipal…Podían facer público as facturas e os contratos.

Tamén podían explicar o caso da pista de madeira desmontable dun amigo de Vilagarcia que estivo no pavillón do Sequelo, lémbranse?. Aquela que se alugou para un evento, que despois a ía comprar a Deputación e mentres se lle pagou durante meses un substancioso aluguer de miles de euros ao amigo.

Facer política así co deporte e os deportistas é doado,  a base de amiguismo, é polo que lle dou a razón ao proclamado pola señora Alcaldesa: que son os únicos que de verdade se preocuparon polo deporte “deste xeito " “no que levamos de século".

Asinado,

Xosé María Vilaboa Ramos

Concelleiro do BNG en Marín