Un marinense contra o nazismo, un artigo de Celso Milleiro

Un marinense contra o nazismo, un artigo de Celso Milleiro

Ao igual que os dereitos, a liberdade nin se compra nin se vende senón que se conquista. O grado de liberdade que temos actualmente non llo debemos a unhas persoas chamadas Juan Carlos ou Adolfo, senón a outras as cales o propio sistema se encarga de condenar ao ostracismo.

O vindeiro 31 de Decembro a Asociación pola Recuperación Histórica de Marín realizará un novo exercicio de dignidade cívica ao homenaxear aos marinenses Antonio, Bernardino, Amando, Santiago e Albino, que non dubidaron en 1936 pórse á fronte na defensa da democracia e contra o fascismo, pagando coas súas vidas esta “ousadía”.

Exemplos coma eles hainos a moreas en Galiza e no propio concello. É o caso de Xerardo Lobeira Rodríguez, nacido en Montecelo (Seixo) o 30 de Xaneiro de 1908 no seo dunha familia mariñeira de condición humilde coñecida como os Muchiquíns. A finais dos anos 20 emigra a Pasaia (Gipuzkoa) como outros moitos galegos a traballar na pesca do bacallau. Chegaría a ser fogueiro habilitado, afiliándose á sección de Maquinistas do sindicato pasaitarra de La Unión (UGT) e máis tarde ao Partido Comunista.

Co estoupido da Guerra Civil ponse ao lado do bando democrático da República e ao caer Euskadi en mans dos sublevados, fuxe no verán de 1937 no pesqueiro “Miren-Anguren” xunto co tamén marinense Manuel Loureiro Souto. Por este motivo incóanlle un expediente de Consello de Guerra en Ferrol, sendo declarado “fuxido e en rebeldía”. O informe de Falanxe Española de Marín foi contundente “este suxeito é un perfecto indesexábel. Por este motivo é innecesario facilitar máis pormenores”. Diferente opinión tería a Garda Civil: “observou boa conduta pública e privada, era de ideoloxía de esquerdas e non se coñecen antecedentes sociais”.

Chega a Francia sendo internado no campo de prisioneiros de Gurs, e co estoupido da Segunda Guerra Mundial loita contra os nazis na Resistencia Francesa integrándose en 1942 na 21ª Brigada da Agrupación de Guerrilleiros Españois en Gard. En outubro de 1943 recibe a orde de liberar a 76 republicanos españois encarcerados e que serían deportados a campos de concentracións nazis. Así, o 4 de Febreiro de 1944, forma parte do comando que asalta a prisión central de Nimes. A acción foi todo un éxito, en media hora conseguen liberar a todos eles das gadoupas da morte, mais ese día, ao fuxir, Xerardo perde a vida nun combate cunha patrulla do exército alemán en Bagnols-sur-Ceze.

Até hai ben pouco descoñecíase a causa da súa morte como tamén a data e o lugar. A súa traxectoria e súa xesta son de tal calibre que debe figurar, ao igual que outros moitos, nun lugar senlleiro da historia de Marín.

 

Celso Milleiro

Marín, decembro de 2012