8 DE MARZO, TAMÉN EN MARÍN, un artigo de Lucía Santos Omil

8 DE MARZO, TAMÉN EN MARÍN, un artigo de Lucía Santos Omil

8 DE MARZO, TAMÉN EN MARÍN

Nestes tempos de crise que estamos a padecer, os primeiros en sufrir os recortes sempre son os máis vulnerábeis.  Se falamos do ámbito laboral, as mulleres somos as que levamos a peor parte. É por iso, polo que deberiamos voltar a vista atrás e ser sabedores das loitas levadas a cabo polas nosas avoas e bisavoas, e valorar os dereitos dos que hoxe gozamos. É descoñecido o movemento obreiro realizado polas mulleres na nosa localidade.

 No ano de 1897, o Centro Obreiro de Marín aprobaba unha resolución encamiñando ás obreiras a organizarse, sendo apoiada pola inmensa maioría das presentes no acto. Daquela Marín contaba cunha importante industria conserveira onde daba traballo a centos de mulleres nunhas condicións de explotación deplorábel. Debido a isto, as traballadoras das Conserveiras de Santos e de Otero organizan a primeira folga coñecida organizada unicamente por mulleres na que participaron 80 obreiras. Nese mesmo ano de 1903 fúndase o sindicato marinense “El Porvenir de la Mujer”. Logo virían outras folgas como a de 1906 onde a patronal conserveira, a Unión Industrial de Marín, vingouse das afiliadas de “El Porvenir” negándose a contratalas nas súas empresas. Se cadra, esta persecución levou consigo que só 14 mulleres estivesen sindicadas en Marín en 1913. En 1905 fúndase a sociedade mixta de “Latoeiros soldadores”.

Galiza sempre se caracterizou historicamente por unha estrutura de matriarcado, polo que non é de estrañar que en Marín por exemplo, as mulleres apoiasen aos seus homes nas reivindicacións dos seus dereitos. Así na importantísima folga de mariñeiros de 1915 foron detidas Isolina Freire e as irmás Pilar e Leonor Santiago.

En 1919, fúndase “Conserveiras e Traballadoras de Salgadura de Marín” cunha directiva formada en 1921 por mulleres, agás a presidencia que recalou no importante dirixente anarquista Eduardo Collado, a Vicepresidencia foi para Rosalía Rapalo. O mesmo ano legalízase o das “Redeiras de Marín e a súa contorna” así como un sindicato mixto “Xastres e semellantes de Marín”. Aínda que non foi legalizada oficialmente, as empacadoras e traballadoras da lonxa tamén formaron a súa propia sociedade.

As condicións laborais será unha constante reivindicativa, mais coa república comeza a loita polos dereitos sociais, a CNT de Marín chamou a unha folga en 1932 polo seguro de maternidade, que sería despois desconvocada.

Ao chegar 1936 sería Presidenta do Sindicato de Redeiras Dolores Santiago Troitiño “A Pasionaria” e exercendo esta mesma función na Sociedade de Conserveiras Carme Vilas Veiga. A Guerra Civil deixaría un triste balanzo: unha muller paseada, 5 condenadas en Consellos de Guerra, outras depuradas dos seus postos de traballo e un número importante de fuxidas, rapadas e moitas máis vexadas física e psiquicamente.

Todo isto sírvenos para recapacitar que temos que seguer loitando non só para conseguir a igualdade senón tamén para non perder os dereitos que con tanto esforzo obtiveron as mulleres galegas en xeral, e as de Marín en particular.

Lucía Santos Omil

-Representante do BNG no Consello Municipal da Muller-