A participación cidadá fará posible un proxecto de cidade compartido pola maioría social

A participación cidadá fará posible un proxecto de cidade compartido pola maioría social

Asemblea aberta BNG MarínWEBO BNG avanza nas propostas de goberno a través da asemblea aberta

O BNG de Marín celebrou o pasado xoves, a segunda asemblea aberta con gran éxito de participación e na cal os e as asistentes debateron e propuxeron ideas que se plasmarán no proxecto de cidade que o BNG presentará publicamente unha vez rematado este proceso participativo.

“Foi unha reunión moi participativa e positiva na cal interviron persoas de todas as idades e de ámbitos como o comercio, o deporte ou a cultura opinando e achegando ideas de cómo pensan que debería ser o proxecto de cidade que logre recuperar a ilusión e o orgullo de ser de Marín”, afirma o responsable local do BNG, Xosé María Vilaboa.

Temas como a situación do comercio local, a relación porto-cidade, o futuro da Escola Naval e a falta de promoción do deporte base e apoio aos clubs deportivos, foron os introducidos por Lucía Santos e X. María Vilaboa nesta segunda asemblea dando pé a que os participantes establecesen un interesante diálogo no que se puxo de relevo que Marín necesita un cambio global que o faga saír do actúal estado de declive económico e social: “A maioría da xente ten a convicción de que Marín é un municipio con grandes potencialidades pero falta de servizos esenciais e de políticas acertadas que provocan que moita xente busque fóra da nosa cidade o que Marín non lle ofrece”.

O BNG crea este canle de participación cidadá para que os veciños/as de Marín  fagan oír a súa voz e modifiquen o seu entorno. O máis importante é que as persoas traballen en conxunto, se coñezan, se cren redes sociais, e se estableza un diálogo para crear un proxecto de futuro para a nosa cidade.

“Na próxima asemblea seguiremos afondando en temas que restan aínda por tratar como a difusión e defensa da nosa cultura, do turismo, como xestionar a administración local e os salarios públicos ou como facer Marín atractivo aos mozos e mozas que na actualidade marchan a outros concellos”, afirman.

Dende o BNG lembran que tamén é posible achegar propostas e opinións a través do facebook  Asemblea aberta de Marín, ou do correo electrónico marin@bng-galiza.org.

 

Marín, 13 de decembro de 2014