As chuvias do verán descobren a chapuza do camiño de Portocelo

As chuvias do verán descobren a chapuza do camiño de Portocelo

O goberno local do PP non tramitou ningún informe sectorial nin urbanístico a pesar de tratarse de obras nun camiño singular

As obras carecen de informes urbanísticos e alteraron o curso natural da auga

A portavoz do BNG, Pilar Blanco, denuncia que as precipitacións caídas na madrugada do sábado pasado descubriron a chapuza realizada no camiño peonil de Portocelo a iniciativa da concellaría de Turismo de Marín, dirixida pola popular, Cristina Acuña.

O proxecto foi aprobado polo Concello e adxudicado pola Deputación Provincial en base ao Plan de Investimentos 2012, a cal nomeou tamén a dirección de obra. O goberno local do PP non tramitou ningún informe sectorial nin urbanístico a pesar de tratarse de obras nun camiño singular e que actuaban sobre canais de rego.

As primeiras chuvias deixaron os tubos ao descuberto

“Estas obras, que requiriron un investimento de máis de 20.000€,  alteraron o estado inicial do camiño, canalizando as aguas que antes circulaban a ceo aberto a través de tubaxes pechadas que resultaron ser inútiles para recoller a auga que conflúe nesta vaguada natural”, afirma a portavoz do BNG Pilar Blanco.

“Bastaron as primeiras precipitacións para que a auga buscase o seu camiño natural e arrasase con todo o material depositado.  O xabre e a grava foi arrastrada pola auga e foi parar a moitas das fincas colindantes co camiño provocando unha verdadeira desfeita e deixando o camiño totalmente intransitable. Incluso as tubaxes quedaron á vista en moitos puntos”, engade.

“En realidade nin sequera se respectou o proxecto orixinal aprobado para executar, e en lugar de instalar unha canalización a ceo aberto de medios tubos de 400mm o que se instalou foron tubaxes soterradas  e da metade de diámetro do aprobado no proxecto”, afirma a concelleira nacionalista.

Os cascallos de grava e xabre acumúlanse nas fincas por onde pasou a enxurrada

“Preguntámonos onde estaba o director de obra nomeado pola Deputación, onde o técnico municipal que aprobou o proxecto e que foi nomeado directamente pola alcaldesa, e quen vai responder agora da desfeita e dos cartos públicos que foron literalmente polas fincas abaixo”, pregúntase a portavoz do BNG.

Queixas veciñais

Durante a execución das obras o goberno local recibiu varias queixas veciñais nas cales se deixaba constancia de que o proxecto non respectaba a canalización orixinal e se desviaba a canle  cara as fincas privadas,  o cal produciría o asolagamento das mesmas: “ O goberno local fixo caso omiso destas advertencias, de xeito que agora os cascallos de grava e xabre acumúlanse nas fincas por onde pasou a enxurrada provocada por esta chapuza autorizada polo propio Concello”,  afirma a concelleira nacionalista

Accións do BNG

arquetawebNo seu momento o BNG, enxergando o que se viña enriba, remitiu unha copia do proxecto ao organismo autónomo Augas de Galicia: “Fixemos o que tiña que haber feito o goberno local. No informe emitido polo xefe de servizo, que tamén recibiu o Concello,  advertíase da necesidade de manter a circulación das augas, o cal a todas vistas non se respectou”, finaliza Pilar Blanco.

 

Marín, 21 de xullo de 2014

 

As chuvias do verán descobren a chapuza do camiño de Portocelo