O BNG demanda limpeza das beirarrúas dende Mogor até a Escola Naval

O BNG demanda limpeza das beirarrúas dende Mogor até a Escola Naval

3A maleza e as follas acumuladas xa provocaron a caída dunha persoa

O BNG demandou durante o pleno celebrado o pasado venres que se proceda á limpeza das beiras da estrada PO-551 dende o antigo matadoiro até a altura do antigo hospital da Escola Naval, pasando por Portocelo.

A maleza invade as beirarrúas que disocorren pegadas ao muro do recinto militar nas cales se acumulan follas secas, carepas de eucaliptos e medran as silvas de xeito que dificultan o paso dos peóns até o punto de provocar escorregamentos e a caída dunha persoa.

“Este é o resultado dunha política totalmente errática no que ten que ver coa atención ás parroquias e a lugares tan transitados como este. Todos os días son moitas as persoas que elixen este percorrido para dar un paseo, ir de Mogor a Marín, ou simplemente contemplar o mar dende Portocelo. Neste momento hai lixo e restos vexetais acumulados en todo o traxecto poque hai meses que non pasa unha varredora ou un servizo de limpeza”, denuncia a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

2“As beirarrúas de Mogor simplemente non se limpan. Xa non lembramos a última vez que pasou o servizo de limpeza. Os plásticos vanse acumulando nos bordes e nos conductos da auga, de xeito que temos que camiñar entre o lixo ou arriscarnos a tomar unha molladora cando chove porque os desaugues non recollen a auga”, engade.

“É vergoñento que suceda isto, que os veciños se teñan que  dirixir a nós porque dende o goberno local non se atenden os servizos máis básicos que tiñan que funcionar de xeito habitual porque os pagamos a través dos impostos”, afirma a portavoz nacionalista.

“Esta é a realidade que non ten nada que ver coas fotos de propanga do goberno local. A limpeza e o mantemento dos lugares públicos é un servizo básico ao que teñen dereito todos e cada un dos veciños(as) que viven en Marín, mais  está claro que este goberno dista moito de entendelo así”, finaliza Pilar Blanco.

 

Marín, 17 de febreiro de 2015