O BNG demanda intervencións urxentes no núcleo de Loira

O BNG demanda intervencións urxentes no núcleo de Loira

web2Augas de Galicia xa requiriu en abril a retirada do aliviadoiro de fecais ao río e a reparación do paseo

Os veciños e veciñas de Loira veñen demandando do Concello dende hai meses, diversas actuacións que a día de hoxe seguen sen atender e que se corresponden con servizos básicos que o goberno local do PP non está a prestar.

Rede de saneamento e verquidos ao río

O rebosadoiro cae directamente ao río

A falta de mantemento da rede de saneamento está a provocar verquidos en diferentes puntos do núcleo dos que os veciños deron parte en repetidas ocasións sen que por parte do Concello se prestase atención algunha.

“As augas fecais están aflorando á superficie e discorren polas escaleiras que dan acceso ás casas da parte máis alta provocando cheiros e incomodidades que os veciños están fartos de soportar”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

“Este é un síntoma máis da deficiente atención que a chamada Concellaría de Medio Ambiente está a prestar a un servizo básico como é a rede de saneamento municipal”, engade.

web3“O propio organismo Augas de Galicia, requiriu en abril deste ano ao Concello, baixo ameaza de sanción,  que se retirase o tubo que cruza o río Loira, despois de que o Servizo de Conservación da Natureza detectase que o aliviadoiro do bombeo de fecais estaba vertendo directamente ao cauce. Esta situación repetiuse en varias ocasións durante este verán, até que o pasado día 29 rompese a tubaxe de impulsión do cal tamén advertiron os veciños do lugar”.

Augas de Galicia tamén require a limpeza do río con medios manuais e mecánicos e a reposición do xabre do paseo: “ O paseo está totalmente intransitable por unha actuación chapuceira que en lugar de achegar xabre natural encheu o sendeiro de grava e cascallos, mais o goberno local fai caso omiso tanto das demandas dos veciños como de Augas de Galicia”.

Sedimentos na desembocadura

web4Ademais da limpeza do río, os veciños demandan que se retiren os sedimentos da desembocadura do río por parte do Servizo de Costas do Estado, tal como se fixera en 2008 despois de que, a daquela concelleira de Medio Ambiente, Pilar Blanco, demandase actuacións no litoral marinense por parte deste departamento: “Os sedimentos obstaculizan o curso natural do río e provocan inundacións. É preciso que dende o Concello se xestione con Costas esta actuación en zona de dominio público marítimo terrestre como xa se ten feito anteriormente”.

Máis deficiencias

web1O BNG tamén se fai eco das queixas veciñais a respecto de diversos aspectos que teñen que ver coa limpeza e a atención aos servizos do lugar: “A limpeza da praia e do entorno é totalmente deficiente. A empresa privada que se encarga desta tarefa destina as mesmas persoas para todas as praias de xeito que Loira é a última que se limpa e de xeito totalmente insuficiente. O lavadoiro presenta un aspecto lamentable cheo de pedras e lama, as mesas do parque están rotas e inutilizadas e ao igual que o resto do mobiliario, as losetas e as roturas do paseo non se reparan e os colectores de lixo non se lavan”.

“O BNG tamén demandou atención ao núcleo de Loira na Comisión Informativa de Medio Ambiente á cal a delegada da área non asistiu”, finaliza Pilar Blanco.

Marín, 1 de setembro de 2014