Un proxecto para Marín froito da participación cidadá para recuperar a autoestima

Un proxecto para Marín froito da participación cidadá para recuperar a autoestima

web“A vila ten unha enorme potencialidade que ten que ser posta en valor”, asegura a súa candidata, Pilar Blanco

Un plan de emprego, un espazo cultural, e unha nave de deportes náuticos serán os primeiros obxectivos dun programa real e realizable

O BNG-AA marinense presentou onte o seu proxecto de cidade para os vindeiros catro anos, que, tal como sinalou a súa candidata a Alcaldía, Pilar Blanco, “é o resultado do proceso aberto a toda a cidadanía levado a cabo nos últimos meses, no que recibimos as suxerencias, propostas e queixas dos veciños”.

Entre as prioridades avanzadas polos nacionalistas, destacan o “obxectivo de que Marín recupere a súa autoestima, a súa identidade e nos permita a todos os marinenses sentirnos orgullosos de onde vivimos”. Así mesmo, engadiu que “é preciso acabar coa mensaxe que manteñen aqueles que se consideran os donos de Marín de que aquí non hai nada, xa que contamos con unha enorme potencialidade en moi variados sectores que hai que poñer en valor e potenciar”.

Pilar Blanco, que estivo acompañada por unha ampla representación da súa candidatura nun acto celebrado na Alameda Rosalía de Castro, incidiu en que no seu programa non haberá “grandes obras e promesas que logo non se fan realidade e o que provocan é a frustración dos veciños”.

De calquera xeito, resaltou que “temos que recuperar o espazo que Marín tivo na comarca recuperando a súa identidade con traballo conxunto da sociedade arredor dun proxecto que xere ilusión e participación e que permita aos marinenses crer na súa vila, nas súas forzas e no seu futuro”.

Temos que ocupar o espazo que Marín tivo na comarca recuperando a súa identidade co traballo conxunto da sociedade arredor dun proxecto que xere ilusión e participación

O programa nacionalista, que se irá desgranando nos vindeiros días, está dividido en diversos apartados nos que o emprego, a cultura, a mocidade, a cultura e o comercio serán piares fundamentais. “Un dos sectores que máis emprego xenera e que está máis abandonado é o do pequeno comercio, polo que será fundamental potencialo”, afirmou Blanco.

Así mesmo, vinculou a dinamización cultural de Marín ao despegue da súa economía. “Temos que activar as grandes potencialidades que temos para evitar que os nosos mozos vaian divertirse, estudar e traballar fóra por non ter nada do que lles interesa aquí, xa que son a garantía do noso futuro e do que queremos ser”, sinalou.

Como primeiros proxectos a levar a cabo, o BNG-AA considera que é imprescindible crear un espazo cultural no que levar a cabo a actividade cultural. “Non imos amosar unha maqueta dun edificio para un auditorio, pero si o imos facer realidade nos dous primeiros anos de Goberno coas características que queira a sociedade marinense”. Ademais, engadiu que “non condicionaremos este compromiso a conseguir achegas doutras Administracións, senón que se fará con recursos propios para evitar que non se faga, como ocorreu ata agora”.

Ademais, tamén considerou esencial contar cunha nave de deportes náuticos, “xa que o mar é a nosa esencia e non se pode permitir que as entidades vinculadas a esta actividade carenzan dunhas instalacións axeitadas”.

Finalmente, Pilar Blanco lembrou que leva varios anos reclamando un “verdadeiro plan de emprego” do Concello. “Cremos que é factible poñelo en marcha cos recursos municipais creando unha bolsa rotatoria para os veciños que non teñen emprego”, sinalou a candidata nacionalista.

 

Marín, 9 de maio de 2015

 

 

 

Un proxecto para Marín froito da participación cidadá para recuperar a autoestima