O novo colector discorrerá polo paseo da Avenida de Ourense onde se emprazará un pozo de retención

O novo colector discorrerá polo paseo da Avenida de Ourense onde se emprazará un pozo de retención

web1As obras suporán a tala de 53 árbores do paseo e a ocupación de 400 metros cadrados por un pozo de retención

Durante a exposición no novo proxecto para a substitución do colector principal de Marín, cos representantes de Augas de Galicia, púxose de manifesto que este discorrerá, case integramente, polo propio paseo da Avenida de Ourense, e que a caseta e o pozo de retención, tamén se emprazarán no propio paseo.

O PP altera así o acordo inicial para substituír o actual colector que discorre por dentro do víal do Porto o cal se manterá para uso exclusivo deste, pero que verterá no pozo de retención do paseo. O cambio supón abrir en canal todo o paseo da Avenida de Ourense, cunha gabia de máis de 2 metros de ancho e cinco de profundidade pola zona central do paseo,  ademais de construír un caseto de 3,44m de alto e 24 metros cadrados de superficie tamén no propio paseo á altura da estatua adicada ás carrexadoras, que albergará os cadros de mando dun pozo de retención tamén emprazado no paseo que ocupará preto dos 400 metros cadrados.

Tala de 53 árbores ao longo do paseo

web2“Na nota oficial do Concello recorrese a eufemismos como fuera del recinto portuario ou zona de servicio para evitar dicir claramente que a decisión adoptada, cos parabéns do goberno  local, é a de abrir todo o paseo da Avenida de Ourense ao longo dun quilómetro de lonxitude abrindo unha gabia que suporá a tala de 53 árbores, 22 delas na zona do depósito”, informa a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

“As obras teñen un prazo aproximado de 12 meses durante os cales as gabias abertas para instalar as tubaxes deixarán practicamente inutilizado o paseo”, engade.

 “Todo isto farase co consentimento da alcaldesa do goberno popular a cal, ante as  preguntas do BNG sobre o trazado escollido só soubo responder es que el Puerto no quiso, en referencia a manter o actual trazado”.

Alivios ao mar

A solución escollida conleva que os alivios de augas fecais vaian directamente ao mar a través dun colector que o conecta o pozo de retención coa rede de pluviais do Porto. “Deste xeito Augas de Galicia busca rebaixar o caudal que chega a EDAR de Praceres en caso de sobrecarga na rede, e en lugar de actuar na propia planta depuradora obriga aos concellos a verter ao mar nos seus propios lindes”, afirma a portavoz nacionalista.

Colector do Lameira

O PP ten paralizado o proxecto de dar continuidade ao paseo

O goberno local do PP e da Xunta tamén modifican o Convenio de Saneamento inicial, asinado en 2010, baixo a xestión de goberno do BNG, para retirar do mesmo o compromiso adquirido por Augas de Galicia para eliminar o colector que discorre polo leito do río Lameira e levar o caudal de augas residuais a través da  rúa Jaime Janer, evitando así os vertidos directos ao río.

“Sen contar co resto da Corporación, que aprobará o convenio inicial, Xunta e goberno local do PP deciden eliminar este proxecto esencial para recuperación do río Lameira”, afirma Pilar Blanco.

Necesidade dun proxecto común Porto-cidade

“Unha vez máis ponse de manifesto a necesidade dun proxecto común Porto-cidade que evite que a Autoridade Portuaria impoña o seu criterio a hora de acometer obras que benefician a ambos organismos pero que  cargan todos os inconvenientes e prexuízos só nunha parte. Non ten sentido ningún que se opte por levantar todo o paseo da Avenida de Ourense, e por ocupar as escasas zonas de uso público cedidas polo Porto, para emprazar un colector do que se servirá tamén o Porto ao cal non se lle toca un centímetro de asfalto”, finaliza a portavoz do BNG.

Marín, 9 de xuño de 2014

O novo colector discorrerá polo paseo da Avenida de Ourense onde se emprazará un pozo de retención