MOCIÓN DO BNG-AA DE MARÍN SOBRE A SAÍDA DE ENCE-ELNOSA DA RÍA DE PONTEVEDRA

MOCIÓN DO BNG-AA DE MARÍN SOBRE A SAÍDA DE ENCE-ELNOSA DA RÍA DE PONTEVEDRA

imagesWPTJYMILO Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción  relativa á saída de ENCE-ELNOSA da ría de Pontevedra, para o seu tratamento, polo Pleno da Corporación Municipal,

 

Exposición de motivos

 

1.- A presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría de Pontevedra supón desde a súa instalación nos anos sesenta do século vinte o maior problema de carácter ambiental e urbanístico que ten a nosa comarca. Se a súa ubicación nesa época era desafortunada e imposibilitou o desenvolvemento económico e social das potencialidades da Ría de Pontevedra (pesqueiro, marisqueiro, turístico, etc), na actualidade é inaceptabel.

O modelo de desenvolvemento urbano e ambiental que se está a promover e executar na sociedade actual choca frontalmente coa presenza dun complexo industrial destas características nun entorno urbano e natural como a Ría de Pontevedra, numerosas cidades están a desenvolver planos de recuperación e rexeneración de espazos urbanos e naturais degradadados pola presenza de instalacións industriais que son obrigadas a trasladar a súa ubicación.

A sociedade marinense ten manifestado en numerosas ocasións, así como numerosos colectivos sociais, profesionais e ambientais, a súa vontade inequívoca da desaparición de ENCE-ELNOSA da Ría.

2.- O Partido Popular, puxo toda a maquinaria administrativa e lexislativa do Estado ao servizo da permanencia de ENCE-ELNOSA na Ría de Pontevedra:

Modificación da Lei de Costas para posibilitar a prórroga da concesión máis alá do 2018 (maio 2013), regulamento de desenvolvemento da Lei de Costas (outubro 2014), Resolución de Costas sobre a situación da actual concesión (xullo 2015).

Esta situación permítelle á empresa ENCE solicitar a prórroga da concesión en xullo de 2015 para,coa complicidade do Goberno español, garantir a súa permanencia durante máis dun século na Ría de Pontevedra. Decisión que agardan no Consello de administración de ENCE que sexa tomada antes das próximas eleccións xerais e a correspondente renovación das cámaras de representantes e do goberno español.

O goberno de Mariano Rajoy permitirá que os intereses dun grupo empresarial privado condicionen o futuro da Ría de Pontevedra ata ben andado o século XXI.

3.- A complicidade entre o PP e as empresas van supoñer un regalo de máis de mil millóns de euros (aforro da nova instalación, consecución de novos terreos noutra ubicación,deixar de ter auga gratis, etc). O PP debería aclarar que está a negociar con ENCE para ter que facerlle un agasallo desta magnitude.

4.- A recentes declaracións do Conselleiro de Industria, asimilando a situación de ELNOSA coa de ENCE, deixan ver claramente a intención do PP de perpetrar a continuidade da cloreira na Ría de Pontevedra e o compromiso do PP de seguir a agasallar millóns de euros a empresas privadas a cambio do futuro, e da seguridade, da poboación das comarcas da Ría de Pontevedra.

Despois de reiterar que a AAI de ELNOSA, anulada por sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza debido ao recurso presentado polo Concello de Pontevedra, o goberno galego repetía constantemente que supoñía a caducidade de ELNOSA no ano 2016.

Ningún goberno responsábel, que poña os intereses xerais por riba dos privados, podería estar a falar de manter nun entorno urbano unha instalación destas características.

5.- O goberno galego non pode actuar de costas á sociedade e ser cómplice silente da decisión de perpetuar ENCE-ELNOSA na Ría.

A Xunta de Galiza, con competencias exclusivas en Ordenación do Territorio, elaborou e aprobou definitivamente en febreiro de 2011 as  Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL).

A Lei de Ordenación do Territorio de Galiza configura as (DOT) como instrumento de carácter global, expresión da política territorial que constitúe o marco xeral de referencia. Nelas estabelécense as pautas espaciais de asentamento das actividades, consonte ás políticas sociais, económicas e culturais emanadas da comunidade, con integración, se é o caso, das emanadas do Estado así como as propostas que xurdan das entidades locais.

As DOT definen, xa que logo, o modelo territorial de Galiza que orienta as actuacións sectoriais proporcionando criterios territoriais e ambientais, no que atinxe ao complexo ENCE-ELNOSA determina de xeito estratéxico que:

            “…Requírese unha reordenación dos usos, trasladando cara outros emprazamentos instalacións e actividades que non precisen localizarse xunto ao mar e que na actualidade signifiquen un elevado coste de oportunidade. É o caso de numerosas actividade industriais, a máis importante das cales é a gran planta de celulosa que limita a conexión de Pontevedra coa marxe meridional da súa ría”

 

            “…Neste contorno evitarase, na medida do posíbel e con caracter xeral, a localización de usos industriais e infraestruturas xeradores de impacto ou que non teñan a necesidade de localizarse xunto ao mar para garantir a súa viabilidade”

Segundo o POL, o complexo ENCE-ELNOSA intégrase no eido dun ámbito de recualificación nunha “área continua de mellora ambiental e paisaxística”  con incidencia de corredores. A regulación deste ámbito está recollida na disposición adicional terceira do POL.

Por se hai algunha dúbida do seu alcance, as propias empresas recurriron as determinacións das DOT e o POL e en numerosas ocasións en sede parlamentar os responsabeis do goberno galego aludiron a estes instrumentos como garante da non permanencia so complexo industrial na Ría.

É pois impensábel un informe favorábel por parte da Administración galega a unha prórroga da concesión de ENCE e ELNOSA.

Por todo o exposto, o pleno do Concello de Marín acorda:

1.- Esixir do Goberno do Estado a paralización inmediata de toda actuación conducente á prórroga das concesións de ENCE  e ELNOSA na Ría de Pontevedra. En ningún caso tomar unha decisión antes da constitución do próximo goberno do estado

2.- Instar á Xunta de Galiza a exercer as súas competencias exclusivas en ordenación do territorio e informar desfavorabelmente a prórroga de ENCE e de ELNOSA, de solicitala, en Lourizán.

3.- Instar á Xunta de Galiza a iniciar a elaboración do instrumento de ordenación do territorio conducente a recuperación e rexeneración do espazo ocupado polo complexo

3.- Anular a AAI de ELNOSA e paralizar a súa actividade, nunca prorrogábel máis alá de 2016.

Marín, agosto de 2015

A portavoz,

Pilar Blanco López